Redacción •  Galicia •  18/07/2023

A CIG denuncia que o acordo de pesca con Marrocos foi unha fraude e reclama negociar un novo pacto coa Fronte Polisario

A CIG denuncia que o acordo pesqueiro con Marrocos que vén de expirar foi unha fraude absoluta, non só a nivel de pesca, senón tamén a nivel xurídico, xa que a propia xustiza da UE declarouno ilegal por afectar a augas do Sáhara Occidental sobre as que Marrocos non ten competencias territoriais. A CIG insta a negociar xa coa Fronte Polisario un novo protocolo que respecte os intereses e a soberanía do pobo saharauí e permita á flota galega  regresar a unhas augas nas que faenou históricamente.

A CIG denuncia que o acordo de pesca con Marrocos foi unha fraude e reclama negociar un novo pacto coa Fronte Polisario

Fronte ás informacións aparecidas estes días nos medios de comunicación, o responsábel de Mar da CIG, Xabier Aboi, aclara que nos últimos catro anos nin un só barco galego pescou na zona delimitada polo acordo. De feito, dos 135 barcos que podían faenar nesa área 95 correspondían ao Estado español, «pero só traballaron alí, no mellor dos casos, 11 embarcacións de Arrecife, Barbate e Conil e varias destas non chegaron aos 20 días en tres anos, segundo os datos do propio Ministerio».

Por iso, para a CIG, este protocolo pesqueiro só serviu para pagarlle máis de 55 millóns de euros ao Reino de Marrocos e ofrecerlle facilidades para desenvolver outros negocios como o agrícola -sen ofrecer as garantías sanitarias mínimas exixíbeis- e investimentos de carácter xeopolítico, estratéxico e militar, xustificando que tamén se podía pescar.

Aboi critica ademais que aos barcos galegos que historicamente pescaban nestas augas do Sáhara «lle deron unha licenza inservíbel porque non podían coller ningunha especie con valor económico (como cefalópodos ou mariscos), unicamente os meteron nunhas augas que facían a licenza inutilizábel».

Reitera que «os únicos que fixeron negocio, aparte do rendemento político e económico obtido por Marrocos, foron os grandes barcos peláxicos do norte de Europea», concretamente Holanda ou os países do Báltico como Lituania ou Letonia. Embarcacións de grandes compañías que pescan con toberas «que esquilman e extraen todo do mar e que son os únicos que poden pescar alí».

O representante da CIG cuestiona os motivos polos que se asinou un acordo «que non pode ser utilizado pola flota». «A quen beneficia o negocio que se fai aquí: a Marrocos nada máis. Serve para lavarlle a cara mentres acaban coa flota galega», asevera. E lembra que os armadores de ANAMER, no seu momento, presentaron unha serie de alegacións ao acordo que a UE non atendeu. 

Pero o máis curioso, conclúe, «é que se houbera licenzas en base ao que determina a xustiza europea, no propio Sáhara negociadas coa Fronte Polisario, habería un montón de barcos galegos que volverían faenar alí».


Frente Polisario /