Anuladas por ilegais as restricións introducidas por Ilunion no acceso a axudas sociais por parte do persoal
- A CIG reclámalle á empresa que retire estes requisitos do catálogo de 2025.
O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de estimar parcialmente a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG contra Ilunion Servicios Industriales por modificación substancial das condicións de traballo, anulando os cambios no catálogo de axudas sociais pactados pola empresa con UGT a nivel estatal, que supoñían un incremento das restricións para acceder a estas axudas e unha vulneración da igualdade de trato.
Dende a representación da central no centro especial de emprego do grupo ONCE explican que a sentenza decreta a nulidade parcial do catálogo de axudas sociais de 2024 no referente aos requisitos de absentismo por baixas de enfermidade común ou incapacidade temporal; á exclusión das persoas traballadoras obxecto de sanción disciplinaria; e a establecer como condición para acceder ás axudas non cobrar máis de 30.000 euros anuais.
A sentenza pon de manifesto que a exclusión das axudas sociais por absentismo ou IT é contraria á Lei 15/2022, do 12 de xullo, para a igualdade de trato e a non discriminación, incluíndo no apartado primeiro de seu artigo 2 a enfermidade como factor de discriminación. Mentres que a o artigo 9.1 recolle que non se poden establecer limitacións, segregacións ou exclusións nas condicións de traballo, entre outras causas.
En canto á exclusión das axudas por medidas disciplinarias engadida pola empresa no catálogo, o xuíz sinala que se trata dunha medida contraria á legalidade, en virtude do artigo 58.3 do Estatuto dos Traballadores/as, citando neste sentido varias sentenzas da Audiencia Nacional.
Discriminacións e castigos
Ademais, en catálogos anteriores o comité pactou coa empresa que a franxa retributiva de acceso ás axudas situábase en 2,5 veces o SMI. “Mais agora, como o SMI subiu un 60% dende o ano 2019, a dirección de Ilunion e UGT suprimiron de maneira deliberada esa regra de cálculo para concretar un límite de 30.000 euros ao ano, o que supón a exclusión dalgunhas persoas traballadoras”.
Por todo isto, dende a CIG en Ilunion reclámanlle publicamente á empresa que retire estes requisitos do catálogo de 2025, ao tempo que censuran o feito de que a representación da UGT no comité provincial de Pontevedra se volvese situar “a carón da dirección defendendo os seus intereses, votando en contra de presentar a demanda para intentar frear discriminacións por motivos de saúde ou castigos por baixas”.