Redacción •  Galicia •  19/03/2025

A Pobra do Caramiñal acollerá unha “resposta contundente” á autorización da Xunta a Altri

A PDRA anuncia 500 barcos e milleiros de persoas en terra de todo o país berrando “Altri e Mina de Touro-O Pino non”

A Pobra do Caramiñal acollerá unha “resposta contundente” á autorización da Xunta a Altri

Máis de 500 barcos na Enseada da Pobra do Caramiñal e miles de persoas en terra serán o vindeiro domingo 22 de marzo a “resposta contundente” da sociedade civil contra os proxectos industriais estratéxicos da macrocelulosa de Altri e a reapertura da Mina de Touro-O Pino. Convocados pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e logo de que o pasado 14 de marzo a Xunta de Galicia publicara unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable a Altri, milleiros de galegos e galegas abarrotarán o vindeiro 22 de marzo A Pobra do Caramiñal para reiterarlle á Xunta de Galicia a “contestación social” e a loita de todo un país contra a “depredación industrial que a Xunta de Galicia entende por progreso”.

En rolda de prensa hoxe na Pobra, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, sinalou que esta manifestación ven marcada pola recente publicación no DOGA da DIA positiva a Altri en Palas de Rei, e a sentenza do TSXG anulando a privatización dos procedementos de avaliación ambiental que practica a Xunta de Galicia. Rubido criticou que “a decisión da Xunta é unha decisión política que pretende impoñernos un modelo industrial para Galiza que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e pon en risco a nosa soberanía alimentaria”.

Segundo destacou o presidente da PDRA, este modelo industrial que a Xunta de Galicia quere impoñer “á forza” vai causar “un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiría e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”. Rubido falou dun “modelo excluínte” que “consume e contamina as nosas augas nun escenario de cambio climático, que detrae os nosos recursos para favorecer a multinacionais que se levan os beneficios para fóra da Galiza e nos deixan a contaminación para sempre”. No caso de Altri o presidente da PDRA lembrou que a concesión da macrocelulosa en Palas de Rei sería “unha hipoteca para os nosos recursos os vindeiros 75 anos”. Remarcou ademais o presidente da PDRA que a implantación de Altri en Palas de Rei, que á Xunta “parécelle viábel” como para autorizar unha DIA “incrementa a superficie do eucalipto e aumenta o risco de macroincendios”.

Acompañado polo patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, por María José Cancelo da Plataforma Mina de Touro-o Pino NON, e Pilar Naveira da Plataforma Ulloa Viva, lembraron na rolda de prensa que “estes dous proxectos industriais que a Xunta de Galicia considera estratéxicos comprometen a auga do río Ulla e da ría de Arousa e a viabilidade do sector marisqueiro e do agrogandeiro” nos vindeiros 75 anos, algo que Rubido cualificou como “unha irresponsabilidade sen precedentes por parte dun goberno”.

O patrón maior de Rianxo explicou na rolda de prensa o dispositivo que desenvolverá o vindeiro sábado a manifestación polo mar, prevista para as 12,30 na Enseada da Pobra do Caramiñal que se unirá á manifestación por terra que sairá ás 12 horas da estación de autobuses. Miguel Iglesias detallou que a organización da protesta por mar foi consensuada con Capitanía Marítima.

Resposta social “á traizón” da Xunta

Na rolda de prensa para presentar a mobilización do día 22 na Pobra do Caramiñal, Xaquín Rubido lembrou que a decisión da Xunta de concederlle a Altri unha DIA positiva foi durante a fin de semana un “claro exemplo de contestación social e clamor en contra en todo o país”. As plataformas cualificaron como un “éxito” as concentracións do domingo que reuniron a miles de persoas en máis dunha ducia de concellos do país e asegurou que o vindeiro domingo 22 de marzo, na Pobra do Caramiñal vai ser “a resposta social á decisión política da Xunta e o termómetro do rexeitamento da sociedade” a este modelo industrial do goberno de Rueda. “A súa maioría parlamentaria non o lexitima para mudar o noso modelo produtivo e comprometer ás futuras xeracións hipotecándolles a auga”, dixo Rubido.

Ademais apuntou que a mobilización “por terra e por mar” da Pobra será ·unha chamada de atención e a reclamación ao Goberno de España para que non facilite o financiamento público nin do estado nin da Unión Europea”.

O presidente da PDRA, lembrou que tamén a semana pasada coñeciamos a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulando varios artigos do decreto co que a Xunta realiza as súas tramitacións ambientais .coma no caso da de Altri e a Mina de Touro- que engaden “máis motivos para manifestarnos”. Explicou o presidente da PDRA que a sentenza do TSXG anula varios artigos do Decreto 102/2023 de 15 de xuño da Xunta de Galicia que regula estas tramitacións administrativas pola “privatización da tramitación das avaliacións ambientais”.

“Na terra e no mar estamos en perigo, o máis alto tribunal galego vén de decirlle á Xunta que as súas tramitacións ambientais non son acordes coa lei”, sinalou Rubido, que instou de novo ao goberno de Rueda a “paralizar dunha vez por todas estes proxectos industriais contaminantes, espoliadores do territorio e que poñen en perigo o futuro do noso sector primario”. Tamén demandou Rubido que Rueda “aclare a natureza dos compromisos acadados no convenio subscrito por Impulsa con Altri”, uns compromisos que “pagaremos os contribuíntes sen ter posibilidade de coñecelos”. O presidente da PDRA exixiu a Rueda que “dea a cara” e aclare á sociedade galega “estes chanchullos” e convidouno a abandonar “esa actitude de arrogancia, falta de diálogo e abandono da neutralidade”.

“Sen auga non hai celulosa”

Tamén aproveitou a PDRA e as plataformas que apoian a mobilización para sinalar o momento de tramitación no que se atopan estes proxectos. No caso de Altri, diante da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do pasado 14 de febreiro non cabe recurso algún, pero esta primeira autorización abre un prazo de dez días para que o goberno galego aprobe unha Autorización Ambiental Integrada (AAI) para a macrocelulosa de Altri-Greenalia “contra o que xa poderemos recorrer tanto administrativa como xudicialmente”. Despois desta AAI o proxecto industrial estratéxico cos informes ambientais favorábeis tería que volver ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva, unha decisión contra a que tamén os colectivos e plataformas poderían interpoñer novos contenciosos administrativos e xudiciais.

Tamén puxeron de relevancia na rolda de prensa que Altri pediu en decembro de 2024 a Augas de Galicia unha captación de auga de 46 millóns de litros diarios do encoro de Portodemouros, cunha estrutura de bombeo e 12,5 quilómetros de tubaxes até Palas de Rei. Lembrou Rubido que “Augas de Galicia non resolveu esta concesión a día de hoxe, unha concesión que legalmente está caducada desde o pasado mes de setembro”, e lembrou que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) está pedindo sinaturas para demandar que a Xunta de Galicia “anule a petición da captación de Auga de Altri en Portodemouros porque está caducada”. Xaquín Rubido insistiu na tramitación “irregular e falta de transparencia” que a Xunta está a facer respecto do proxecto de Altri-Greenalia, e lembrou a importancia da concesión de Augas de Galicia porque “sen auga non hai celulosa”.

No caso da reapertura da Mina de Touro, lembraron que o mesmo proxecto que a Xunta rexeitou cunha DIA negativa no 2020 “agora resulta que é estratéxico” desde o pasado 24 de xuño de 2024.


Altri /