Unidas Podemos amosa a súa oposición frontal á deslocalización de Teleperformance en Galicia
A formación levará ao Congreso a decisión de Teleperformance e de Naturgy para apelar aos ministerios competentes.
O deputado de Unidas Podemos e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, mantivo unha reunión co comité de empresa de Teleperformance na Coruña para tratar a inaceptable situación na que se atopa o persoal tras o anuncio da deslocalización do servizo en Colombia a partir de setembro por parte de Teleperformance e de Naturgy.
“Expresamos a nosa oposición frontal a esta deslocalización e imos poñer toda nosa vontade para visibilizar esta situación e para impedir que máis de cen persoas perdan o seu posto de traballo”, engade o deputado. “É esencial que se manteña este servizo no país porque é un servizo apegado ao territorio. Cando unha galega chame por unha urxencia derivada dun incendio ou dun temporal a unha teleoperadora en Colombia, non vai coñecer en absoluto as particularidades do noso territorio e as súas problemáticas”.
Unidas Podemos defendeu que o servizo xestionado desde tan lonxe de Galicia repercutirá de maneira negativa na calidade do mesmo e pide que se manteñan na Coruña os 118 postos de traballo. Ademais, tamén se mostrou en desacordo coa baixa atención en galego que ofrecería o servizo asentado en Colombia, que abrangaría desde as oito da mañá ás 10 da noite. “Se é un servizo para os galegos debe haber unha atención plena en galego”, alega Gómez Reino.
A formación comprometeuse a presentar no Congreso dos Deputados unha pregunta parlamentaria respecto diso para “poñer aos ministerios competentes en coñecemento”. Unidas Podemos anunciou tamén que se dirixirán a Teleperformance e Naturgy para trasladar a súa “completa oposición” á deslocalización do servizo.