O seguimiento do 100% na folga das ITV obriga a pechar as instalacións en toda Galiza
A concesionaria do servizo convocou para este luns unha xuntanza para sentar a negociar.
As instalacións dos servizos de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de toda Galiza pecharon as súas portas este sábado, día 17 de agosto, por mor da segunda xornada de folga, que tivo un seguimento do 100%. A empresa concesionaria, SyC Applus convocou para este mesmo luns, ás 10:00 horas, unha xuntanza na que se agarda que haxa máis avances que nas 13 reunións anteriores, nas que mantivo unha posición inamovible.
As ITV son un servizo público dependente da Xunta de Galiza que está concesionado á empresa SyC Applus desde o ano 1987. Os traballadores e traballadoras teñen os seus salarios conxelados malia as tarifas que se cobran a usuarias e usuarios actualizarse ano a ano.
O persoal salienta que a empresa ten a concesión das ITV noutras comunidades, presenza en 70 países e uns beneficios que ascenden, só en Galiza, a 22 millóns de euros. Por iso exixen unha mellora salarial e condicións laborais dignas e rexeitan as insuficientes propostas presentadas pola empresa.
No decurso das 13 xuntanza celebradas até o momento a empresa mantivo inamobibles as súas posicións a pesar de que o persoal rebaixou as súas demandas para tratar de achegar posturas e favorecer un acordo que non se produciu e que obrigou a convocar esta folga.
Atrancos na negociación
Os principais atrancos na negociación refírense á xornada, aos días de libre disposición ou a avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, que chegan aos 500 euros ao mes. Outras das súas demandas céntranse na mellora das licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día, na mellora nas vacacións e nas condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles.
Ademais a representación sindical reclamou en varias ocasións o prego de condicións para coñecer os termos das mesmas, pero nin a empresa, nin a Xunta de Galiza atenderon á súa demanda.
Na xuntanza de hoxe agardan que se inicie o camiño para avanzar nun acordo que atenda ás demandas das traballadoras e traballadores.