Redacción •  Galicia •  19/11/2021

Unidas Podemos urxe ao Goberno a intervir as plantas de Alu Ibérica para defender os dereitos dos traballadores

Podemos Galicia, Esquerda Unida e o Partido Comunista de Galicia impulsaron a iniciativa parlamentaria.

Unidas Podemos urxe ao Goberno a intervir as plantas de Alu Ibérica para defender os dereitos dos traballadores

Venres, 19 de novembro. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común presentou unha iniciativa parlamentaria para instar ao Goberno a tomar medidas para garantir a viabilidade das plantas de Alu Ibérica na Coruña e en Avilés, actualmente mergulladas nun procedemento xudicial e cos traballadores e traballadoras nunha complexa situación persoal e laboral.

O documento, xa rexistrado no Congreso dos Deputados, foi impulsado polas organizacións territoriais de Podemos Galicia, Esquerda Unida e o Partido Comunista de Galicia, que traballan activamente apoiando ao conxunto de traballadores desde o inicio do conflito laboral. Esta proposta parlamentaria foi asinada polas deputadas Sofía Castañón, Antón Gómez Reino e Miguel Bustamante e alude á “ausencia” dun verdadeiro plan industrial e ás privatizacións, subcontratacións abusivas e aos recortes de persoal, entre outros, levados a cabo para aforrar custos e externalizar servizos con diñeiro público polo medio.

“A situación pola que está a pasar o persoal de Alu Ibérica en Avilés é inxusta, insostible e o Goberno ten que dar unha resposta, tanto pola defensa dos dereitos dos traballadores como por tratarse dun sector estratéxico do noso sistema produtivo. O artigo 128 é claro e non nos cansaremos de mencionalo para falar da intervención pública nas plantas de Avilés e A Coruña”, sostivo Sofía Castañón.

Unidas Podemos, que xa pedira ao Goberno a intervención da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), volve a expoñerlle a Industria esta posibilidade para dar “garantías de continuidade” a unha empresa pertencente a un sector estratéxico para Galicia e Asturias. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, sostivo que “miles de familias dependen da actividade destas fábricas, non podemos permitirnos perdelas. Debería convocarse urxentemente a Mesa Industrial de Seguimento, xa que leva máis dun ano sen activarse”.

O deputado Miguel Bustamante enviou tamén unha mensaxe de “apoio” a todo o cadro de persoal e explicou que “o proceso de reindustralización do noso país é fundamental. A industria supón soberanía. Facemos un chamamento ao Ministerio de Industria para que asuma un papel activo que permita garantir a viabilidade da empresa e os dereitos dos traballadores. Hai que desenvolver modelos produtivos que permitan xerar emprego e arraigar territorios”.


Galicia en Común /