Ana Pontón cualifica de “novo parche” do Goberno do PP colocar médicos sen rematar a súa formación para atender os PACs
Reclama a Rueda que deixe as ocorrencias e se poña a traballar para sacar á sanidade da situación “límite”, tras 13 anos de privatizacións e recortes.
A líder do Bloque participa na manifestación de Burela en defensa da sanidade pública: “Nin un paso atrás”, recalca.
En Muras destaca como o Goberno local do BNG sostén o centro de saúde e o centro escolar, suplindo a falta de investimentos do Executivo do PP.
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita ao concello de Muras para contrastar o modelo BNG, en defensa dos servizos públicos desde os gobernos locais que lidera, fronte a un PP empeñado en desmantelar o público a favor do privado, en especial na sanidade.
Pontón, que participará tamén esta tarde na manifestación convocada en Burela en defensa do sistema público de saúde, instou a Rueda a deixar de lado “os parches” e poñerse a traballar “en serio” para sacar a frote a unha sanidade pública que está “ao límite”.
“Levamos trece anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento”, denunciou Pontón, en relación a un Partido Popular que en vez de poñer en marcha un cambio “vai de ocorrencia en ocorrencia e poñendo parches sen entrar no fondo do problema”. Así, alega, “vimos como nas últimas semanas pasamos do anuncio de PACs sen médicxs ao anuncio de agora de que persoal que non acabou a súa formación atenda nas urxencias de atención primaria dos PACs”.
A líder nacionalista pide ao Goberno do PP “que deixe de lado as ocorrencias e poña solucións á gravísima situación da sanidade pública”, reiterou, ao tempo que recalcaba o compromiso do BNG na defensa do dereito a saúde dos e das galegas.
“Quero enviar unha mensaxe clara a cidadanía: no BNG imos seguir defendendo a sanidade pública porque é unha das grandes conquistas sociais e non imos permitir que haxa nin un só paso atrás”, proclamou. “Fronte a un Partido Popular empeñado no deterioro da sanidade e convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas, o BNG ten como prioridade defender uns servizos públicos de calidade para mellorar a vida das persoas”, recalcou.
A líder do Bloque insistiu en que si hai alternativa para darlle a volta a situación de colapso de atención primaria, empezando por un plan de choque de 200 millóns de euros, dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica, e un plan ambicioso e con investimentos para reducir as listas de espera.
Precisamente na súa visita a Muras, Pontón coñeceu da man do alcalde, Manuel Requeijo, os investimentos realizados polo goberno local do BNG para mellorar os servizos que se lle prestan á veciñanza, tanto en materia de sanidade como en educación. En concreto, 260.000 euros na rehabilitación e posta a punto do centro de saúde, -cuxo edificio é de titularidade municipal-, e visitou tamén o centro educativo Antía Cal, no que tamén se van acometer obras de reparación por parte do goberno municipal.
A reforma no centro de saúde permite que os veciños e as veciñas dispoñan de persoal médico, persoal de enfermería e persoal administrativo para atender a unha poboación de 900 persoas que, doutro xeito, terían que desprazarse un mínimo de 30 quilómetros para ser atendidas en Vilalba, “con todo o que iso implica para unha poboación envellecida”, alegou.
No caso do centro educativo, cursan estudos quince escolares de entre cero e once anos, de tal xeito que as familias poden escolarizar aos seus fillos e fillas no propio concello. “Sen os investimentos do goberno municipal do BNG estes nenos e nenas terían que desprazarse ata Xermade, a 20 quilómetros da súa residencia, dificultando por exemplo a conciliación dos pais e nais”, engadiu.