Redacción •  Galicia •  20/02/2025

A CIG exixe que o SMI quede exento de pagar o IRPF

Denuncia que a contía fixada para 2025 non acada o 60% do salario medio como estabelece a CSE para garantir un nivel de vida decente.

A CIG exixe que o SMI quede exento de pagar o IRPF

A CIG critica que o Goberno español queira aplicarlle o cobro do IRPF ao Salario Mínimo Interprofesional cando a suba aprobada para este 2025 non acada sequera o 60% do salario medio no Estado, tal e como marca a Carta Social Europea para poder garantir un nivel de vida decente para as persoas traballadoras.

«Para a CIG resulta unha auténtica barbaridade aplicarlle o IRPF ao importe do SMI cando non está garantido un salario digno», asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Subliña que o incremento de 50 euros acordado deixa o SMI nos 1.184 euros/mes, é dicir, 136 euros por debaixo do que correspondería ao 60% do salario medio no Estado español, que en 2024 foi de 30.801€/ano. Tomando como referencia este dato, o soldo mínimo para 2025 debera fixarse nos 1.320,04 euros ao mes.

Carril explica que a CIG obtén esta contía seguindo os métodos de cálculo do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) e lembra que está pendente de resolución a reclamación colectiva que a central nacionalista presentou contra o Estado español polo importe insuficiente do SMI.

O secretario xeral censura que a decisión de non elevar o mínimo exento de tributación polo IRPF se coñecese despois da consulta obrigatoria que o Ministerio de Traballo ten que realizar coas organizacións sindicais máis representativas (e na que, unha vez máis, o Ministerio vulnerou os dereitos de participación institucional da CIG) e de terse publicitado un acordo con UGT e CCOO.

«De non rectificar, o Estado español afondará no incumprimento da Carta Social Europea co agravante de que se aplica esta tributación no contexto dun sistema fiscal regresivo que grava máis as rendas do traballo que as rendas do capital», denuncia.

Non se cumpre coa CSE e aplícase un sistema fiscal inxusto

Advirte Carril que ao tempo que as rendas do capital, sen apenas presión fiscal, continúan a aumentar o seu peso no PIB en detrimento da rendas do traballo (que nos últimos catro anos perderon case catro puntos de participación neste índice), «preténdese seguir trasladando a presión fiscal aos sectores da poboación traballadora máis golpeados pola precariedade».

Por iso, a CIG exíxelle ao Goberno que eleve o mínimo de ingresos exento de tributación polo IRPF, mais tamén que incremente o salario mínimo até 1.320,04 euros ao mes para dar cumprimento á legalidade dos tratados internacionais que ten ratificado e garantir uns salarios dignos. «O Estado español non cumpre a Carta Social Europea e por riba aplícalle ao salario mínimo un sistema fiscal inxusto”, reitera o secretario xeral. 

Cómpre ter presente que segundo o CEDS e a CSE,  a remuneración xusta que contempla o artigo 4.1 é aquela que asegura un nivel de vida digno, «o que supón que a mesma vai máis alá de cubrir as necesidades básicas meramente materiais (alimentación, roupa e vivenda) e permita contar tamén con recursos necesarios para participar en actividades culturais, educativas e sociais».

En concreto, engade, a remuneración «é xusta cando o salario mínimo non é inferior ao 60% do salario medio estatal neto, baseándose a avaliación en importes netos, isto é, unha vez deducidos os impostos e as cotizacións da Seguridade Social». 

Ademais, a CIG insta a que se reformule o decreto que determina o SMI “para que quede claro o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais”, xa que moitas empresas se aproveitan desta vía para deixar sen efecto a alza do salario mínimo.


Salario Mínimo Interprofesional (SMI) /