Milleiros de persoas reclaman en Compostela un galego vivo para termos unha Galiza viva
Queremos Galego denuncia importantes retrocesos no Plan de Normalización Lingüística aos 20 anos da súa aprobación.
![Milleiros de persoas reclaman en Compostela un galego vivo para termos unha Galiza viva](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2024/05/2024-05-17_QueremosGalego_20a-6b3efc9c-950x0-c-default.jpeg)
Ao berro de «Galego vivo», milleiros de persoas manifestáronse neste 17 de Maio, Día das Letras Galegas, polas rúas de Compostela para reclamarlle aos gobernos, nomeadamente a Xunta de Galiza, que asuman as súas responsabilidades na defensa e promoción da lingua propia de Galiza e que acompañen a sociedade «que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo».
A plataforma Queremos Galego (da que a CIG fai parte) escolleu o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva» para a manifestación deste ano, porque a piques de cumprirse o 20º aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística «é necesario reclamar accións a favor do galego en todos os ámbitos, para reverter a actual situación de emerxencia lingüística».
«Para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo», aseverouse nunha ateigada Praza da Quintana durante o acto final conducido por Isa Risco, que contou coa actuación do grupo Dakidarría e ao que Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, lle puxo o broche final.
Maceiras salientou no seu discurso que «os pobos que aspiran a níveis altos de desenvolvemento social mantéñense e apóianse na normalidade da súa lingua para todos os usos e en todos os espazos, como necesidade que indica a fortaleza, autoestima e confianza en si propios». Maceira recordou, tamén, que «como tantas veces Luísa Villalta», a sociedade galega que onte se manifestou polas rúas de Compostela «non fica impasíbel perante o xenocidio ao que está a ser sometido o pobo de Palestina». «A loita por Galiza e polo galego tamén é a solidariedade coa loita do pobo Palestino», afirmou.
![](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2024/05/2024-05-17_QueremosGalego_01-1024x1024.jpeg)
Vivir plenamente en galego
Previamente, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, xunto con representantes da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, da AS-PG, de Erguer, da Asociación de Actores e Actrices de Galiza; de Galiza Cultura, e da Mesa pola Normalización Lingüísticas foron as persoas encargadas de dar lectura a un manifesto no que se denunciou que nestes 20 anos, non nó non se desenvolveron as 400 accións e medidas concretas recollidas no Plan Xeral de Normalización da lingua, senón que incluso «sufriron importantes retrocesos».
Un futuro novo para o noso idioma é posíbel, resaltouse, mais precisamos dun ensino en galego que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador. A este respecto, Queremos Galego trasladou a “preocupación social” polo datos que alertan de que o 24% das mozas e mozos de Galiza se sentan incapaces de falar en galego, polo que un ano máis exixiuse a derrogación do Decreto 79/2010 por impoñer un “modelo desgaleguizador”.
Na mesma liña, reivindicouse un audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para crianzas de menos de 12 anos.
Tamén accións na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG «debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais». E un galego vivo tamén na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, respectando a toponimia galega -a única legalmente válida-, pero «que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico».