Convocada folga indefinida, a partir do 26 de agosto, na empresa de mantemento da refinaría da Coruña
A día de hoxe o persoal non cobrou aínda os seus salarios.
A CIG-Industria vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida, a partir do día 26 de agosto, ás 7:00 horas, na empresa concesionaria do servizo de mantemento da refinaría da Coruña, do Grupo Navec.
Os 55 traballadores e traballadoras de Navec non cobraron aínda os seus salarios. A empresa, que entrou en preconcurso de acredores, comprometérase a pagar este mesmo luns os soldos, pero logo de comprobalo, o persoal confirmou que non foron ingresados nas súas contas.
Navec ten unha nave en Arteixo e só traballa para a refinaría. Segundo explica Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria da Coruña, “ao parecer fixeron unhas obras polas que aínda non cobraron” o que a tería levado a ese preconcurso.
A CIG-Industria moito se teme que parte dos problemas económicos veñan derivados dos contratos á baixa que saca REPSOL.
Por iso, a CIG xa solicitou unha xuntanza con REPSOL para saber cal é a situación real e que vai ocorrer cos traballadores e traballadoras.