Galicia en Común insta ao Goberno a ampliar a autovía AG-31 desde Celanova ata a frontera con Portugal
Galicia en Común rexistrou unha iniciativa parlamentaria relativa á ampliación da autovía AG-31 para solicitar a mellora da conexión viaria entre España e Portugal, concretamente na comarca da Baixa Limia.
A AG-31 conecta actualmente os municipios de Ourense e Celanova e o propósito, apoiado polas administracións municipais e colectivos e organizacións, é ampliala ata Ponte da Barca para “o desenvolvemento socieconómico da zona e o fortalecemento do tecido industrial, cunha incidencia moi positiva na cohesión social e territorial”.
O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, considera “necesaria» esta obra para conectar dous países nunha zona que pode ser estratéxica a varios niveis: “Sabemos por experiencia que un país ben conectado trae consecuencias moi positivas para as persoas e para os seus negocios, só podemos apoiar o que os alcaldes dos municipios da fronteira están a pedir e poñer toda a nosa parte para que o Goberno valore o proxecto e comece as súas negociacións coas administracións galegas”.
“Non coñecemos a opinión da Xunta de Galicia sobre a ampliación desta autovía, unha obra que lle competería, por iso lle pedimos que se pronuncie ao respecto, e en todo caso, que se incline pola ampliación da AG-31”, sinala Gómez Reino.
A pregunta parlamentaria fai referencia a que esta proposta consta como prioritaria no plan de Investimentos Conxuntos da Euro-Rexión Norte de Portugal-Galicia (2021-2027) e que entronca directamente co disposto no Tratado de amizade e cooperación asinado por ambos gobernos.