Hispan TV •  Redacción •  Galicia •  20/10/2021

Ana Pontón: “En materia fiscal Feixóo é o ultimo mohicano do neoliberalismo, un kamikaze que circula en dirección contraria”

De que lle vale os galegos e ás galegas 4€/mes na rebaixa do IRPF se despois se recorta nos servizos público e teñen listas de espera en sanidade, interpela.

Ana Pontón: “En materia fiscal Feixóo é o ultimo mohicano do neoliberalismo, un kamikaze que circula en dirección contraria”

Á espera de que o proxecto de orzamentos chegue ao Parlamento, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha primeira valoración sobre o avance difundido polo Goberno, que lle leva á líder do BNG á conclusión de que o presidente da Xunta é “o último mohicano do neoliberalismo de Trump”, empeñando en baixar impostos beneficiando ás rendas altas mentres que, por contra, as arcas públicas perden ingresos que necesita para manter os servizos públicos ou para a recuperación.

“Cando todo mundo, mesmo o presidente Biden ou entidades como a OCDE, di que os que máis teñen son os que máis deben pagar, o señor Feixóo é como unha especie de kamikaze que conduce en dirección contraria e o que aporta nestes orzamentos son agasallos fiscais para os que máis teñen”, indicou Pontón, “porque se calculamos a repercusión que a baixada do IRPF terá na maioría dos galegos e das galegas resulta que é menos de 4€/mes, esa é a gran rebaixa fiscal anunciada por Feixóo”.

Con este dato, a líder do Bloque pregúntase “de que valen eses catro euros máis se despois se recorta en sanidade, en educación, na atención aos nosos maiores ou no mantemento dos servizos públicos?”, concluíndo que a maioría da cidadanía “prefire ter catro euros menos no peto e que a cambio non haxa listas de espera en atención primaria, que teñan servizos públicos fortes, mellores infraestruturas ou un modelo de residencias público”.

Pontón salientou que Galiza non precisa “unha política fiscal regresiva” senón “redistributiva” da riqueza, que permita facer fronte ao reto da recuperación tras a pandemia. A portavoz nacionalista fixo referencia ás declaracións do xefe do Executivo, indicando que pretende facilitar o pago de facturas como a luz. “Se realmente quere abaratar a factura ás familias, o primeiro é deixar de abrazarse ás eléctricas e apoiar medidas xustas como a tarifa eléctrica galega ou que esas empresas paguen os impostos en Galiza posto que usan os recurso do País”, alegou.


BNG /