Redacción •  Galicia •  20/11/2023

BNG urxe solucionar os continuos retrasos do servizo ferroviario na Galiza

Néstor Rego insiste na necesidade de garantir un servizo ferroviario de calidade pondo en marcha solucións inmediatas e urxentes.

Reestruturación de horarios, a adecuación  dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias e o aumento de prazas, alén do Plan de Puntualidade: medidas que demanda o BNG.

BNG urxe solucionar os continuos retrasos do servizo ferroviario na Galiza

20/NOV./23.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado levar a cabo unha contundente actuación para pór fin aos retrasos continuados nos servizos ferroviarios na Galiza. Neste sentido, a organización nacionalista explica que, ademais do Plan de puntualidade, o executivo debe contemplar a reestruturación de horarios, a adecuación dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias e o aumento de prazas para dar cobertura á demanda actual.

A maior parte dos servizos ferroviarios que se prestan na Galiza están a sufrir retrasos importantes de maneira diaria. Un problema para millares de usuarios que están a perder confianza no servizo pola pouca fiabilidade dos horarios xa que, sen incidencias, padecen entre 5 e 10 minutos de retrasos, como mínimo.

“Esta situación leva as persoas usuarias a cuestionar se chegarán a tempo aos seus destinos cando deciden utilizar o tren para os desprazamentos” denuncia o deputado do BNG. Nas conexións entre Santiago e A Coruña, exemplifica Rego, os atrasos habitualmente superan amplamente os vinte minutos, chegando até unha hora no Eixo Atlántico.

En opinión do deputado nacionalista, é preciso pór en marcha “solucións inmediatas e urxentes que deben contemplar a reestruturación de horarios, a adecuación dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias, o aumento de prazas para dar cobertura á demanda actual e a entrada en funcionamento dese plan de puntualidade anunciado, evitando así as demoras xa crónicas nos servizos ferroviarios galegos e, especialmente, no Eixo Atlántico”.

“Non podemos asumir con normalidade a continuidade da situación actual. Deben ser adoptadas todas as medidas necesarias que garantan a calidade do servizo ferroviario contribuíndo a que máis persoas empreguen este medio de transporte -máis eficiente, máis eficaz, máis sustentábel- en detrimento do vehículo privado” alega.

Plan de Puntualidade sen levar a cabo

Por estes fallos continuados que hai xa máis dun ano, despois de múltiples queixas, iniciativas políticas e reunións coas persoas afectadas, Renfe anunciou a posta en marcha dun Plan de Puntualidade, porén, os retrasos non se solucionaron. É máis, o Goberno asumiu xa que as incidencias van continuar até que entren en funcionamento os trens Avril ente A Coruña e Vigo, supostamente no primeiro trimestre de 2024. “A pesar destas xestións, o plan anunciado aínda non entrou en vigor e tampouco entraron en activo os trens Avril” sinala.


BNG /