Grupos en Loita advirte que “o Concello pechou a Casa da Xuventude igual que o Súbete ó Castro hai 10 anos”
- O 21 de novembro de 2014, o Concello pechou indefinidamente o espazo Súbete ó Castro alegando que faría unhas reparacións que nunca chegaron.
- En marzo de 2024 sucedeu o mesmo coa Casa da Xuventude, sobre a que aínda non se volveu informar dende o Concello case oito meses despois.
Vigo, 20 de novembro de 2024. O colectivo de agrupacións músicais Grupos de Vigo en Loita continúa a reclamar a reapertura do espazo Súbete ó Castro e máis da Casa da Xuventude, que no seu momento contaron con locais de ensaio para bandas e outras instalacións dirixidas á mocidade viguesa. O motivo disto é que mañá, día 21 de novembro, fanse 10 anos do seu peche definitivo en 2014 por parte do Concello de Vigo, que clausurou o edificio sen previo aviso alegando que se facía temporalmente para solucionar un problema de humidades.
“Agora está a suceder o mesmo coa Casa da Xuventude, pechada sen previo aviso hai case oitro meses supostamente por reparacións das que nunca volveron informar”, advirten dende Grupos en Loita. O emblemático espazo ubicado no chalet El Pilar tamén tiña a disposición das bandas unha sala de ensaio, que deixou de funcionar aproximadamente na mesma época na que pechou o Súbete o Castro.
“Primeiro liquidaron non se sabe ben por que o servizo de salas de ensaio que ofrecía a Casa da Xuventude, un servizo excelente para as novas bandas de Vigo pola súa ubicación na zona urbana da cidade”, lamenta Grupos en Loita, que afirma que “nos últimos anos a casa estaba case reducida de facto a ser unha simple oficina”. “Finalmente, ambos espazos foron pechados co mesmo modus operandi, e o mesmo tería pasado con Vigosónico de non ser polas protestas que obrigaron a reabrilo en 2022” afirma o colectivo.
“O Súbete o Castro en particular era un espazo especialmente interesante porque nel a mocidade non só podía ensaiar cos seus proxectos musicais e facer outras actividades culturais, deportivas e lúdicas, senón tamén participar nos míticos Castroconcertos”, explican. Nestes espectáculos gratuítos, que facían uso do entorno natural pero céntrico das instalacións, forxáronse varias xeracións de grupos vigueses durante a case década e media de vida do programa. “Miles de persoas participaron ou acudiron a estes eventos, polo que sería especialmente interesante recuperalos”, engaden.
Precisamente no último pleno municipal en Vigo tratouse indirectamente este tema, pois nel o concelleiro de Facenda e portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Vigo, Jaime Aneiros Pereira, afirmou que o programa “foi un fracaso estrepitoso”. Fíxoo en resposta a unha intervención do Bloque Nacionalista Galego, que pide a reapertura do espazo facéndose eco das demandas da plataforma de músicas e músicos da cidade.
Dende Grupos en Loita pregúntanse “que entende por fracaso estrepitoso o Goberno municipal, e en que cabeza cabe que un programa que acolleu centos e centos de iniciativas para a mocidade moi concorridas fose un fracaso”. “Só pode consideralo un fracaso alguén a quen non lle importe a cultura ou que a mocidade teña alternativas de ocio enriquecedoras”, sentencian dende a plataforma. “Xeracións enteiras de músicas e persoas afeccionadas lembran aínda, 10 anos despois, con moitísimo agarimo o Súbete o Castro, como comprobamos unha vez máis co eco que tivo esta semana o tema en redes sociais”, engaden.
Dous anos reclamando a reapertura
Grupos en Loita naceu en xaneiro de 2022 para esixir o regreso das salas de ensaio de Vigosónico, un obxectivo logrado parcialmente uns meses despois e de xeito definitivo en maio de 2023. A plataforma permanece activa visibilizando diversas cuestións que afectan ás bandas viguesas, como a súa practicamente total ausencia na programación musical municipal ou os peches de concertos na cidade por parte da Policía Local.
Recentemente o colectivo de grupos estivo centrado na reclamación de que as bandas locais sexan teloneiras nos concertos de verán en Castrelos e de que se celebre o festival de bandas locais Rock in Vigo que o Concello prometeu o pasado ano. Abel Caballero referiuse precisamente a estas cuestións en varias entrevistas a medios de comunicación nos últimos meses, nas que afirmou que “los grupos no quieren teloneros” e que a espera entre dous artistas “es romper un poquito el concierto”, a pesar de que houbo polo menos 15 espectáculos con teloneiros en Castrelos dende que el é alcalde.
Tamén dixo Caballero que “una vez llevamos uno de los grandes grupos locales, no llenó ni la platea” de Castrelos, e que alí “tienes que meter por lo menos ya 30.000 personas”. Porén, dende 2007 só 4 artistas vigueses foron cabezas de cartel: Siniestro Total e Os Resentidos conxuntamente, Sen Senra e a Coral Casablanca. Con todos eles o alcalde celebrou un éxito de asistencia, incluso no caso da coral, a cuxo concerto en 2022 dixo que acudiron 3.000 persoas, lonxe das 30.000 que pón agora como requisito ás bandas locais.
Ademais, o rexedor dixo tamén que ía organizar “actuaciones de estos grupos en la Puerta del Sol” repetindo a promesa que fixo en 2023 de cara ao concerto de Guns ‘n Roses, do que finalmente se desentendeu. “En máis dun ano e medio dende que fixo esa promesa non contactou con ningunha banda nin deu ningún compromiso, polo que tememos que de novo será papel mollado e non se cumprirá”, lamenta Grupos en Loita. “De feito, algo así xa o prometeu a concelleira María del Carmen Lago Barreiro cando se reuníu connosco en 2022, e nada”, asegura.
“Se tanto lle preocupa a asistencia aos concertos de bandas locais, o espazo do Súbete ó Castro era perfecto para este tipo de eventos, así que ao mellor podería comezar por reabrilo”, suxire a plataforma. “É unha vergoña que haxa espazos públicos pagados cos cartos de toda a veciñanza pechados sen que ninguén poida facer uso deles”, asevera.