A CIG reclama un SMI de 1.320,04€ ao mes para 2025 e unha xornada semanal de 35 horas
Reclama un incremento salarial do 5% e rexeita que as mutuas xestionen as continxencias comúns.
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, as súas propostas en materia de incremento salarial e negociación colectiva para o ano 2025, unha vez coñecidos os datos que anualmente proporciona a Axencia Tributaria a través da estatística “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias” e que serven como base para a central sindical elaborar o estudo sobre os ingresos da poboación asalariada en Galiza. Datos a partir dos que conclúe que o SMI debería acadar os 1.320,04€ para 2025, para cumprir os criterios establecidos pola Carta Social Europea e que o incremento salarial debe acadar o 5% en 2025.
Así o explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen sinalou que, segundo esta estatística o Salario Medio é de 28.833€. Cantidade que, matizou, non acada o 60% da poboación. Con todo apuntou que a mediana acadou os 23.209 € brutos anuais en Galiza, lonxe dese salario medio, o que considerou que dá unha idea das desigualdades existentes entre a poboación asalariada que chega aos 19,6 puntos no noso país.
Lembrou que a Carta Social Europea recomenda que o SMI acade o 60% do salario medio no Estado e que, polo tanto debería de ser de 1.320,04€ brutos/mes ou 18.480.56€ brutos ao ano. Isto, afirmou, “beneficiaría ás 55.833 persoas con salarios inferiores ao SMI en Galiza”.
Por iso lamentou que o goberno español UGT e CCOO estean falando de importes inferiores e exixiu que se garanta “nos decretos nos que se aproba o SMI o carácter non compensábel, nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais” e que as administracións públicas controlen a legalidade dos convenios colectivos.
Incremento salarial do 5%
Para facer a proposta de incremento salarial do 5%, Carril explicou que a CIG ten en conta que o salario medio estimado no Estado español foi de 30.801€/ano e que, polo tanto, a suba salarial non pode ser inferior aos 1.540 €/ano ou 110€/mes. Neste sentido subliñou que “as rendas do traballo perderon case 4 puntos de participación no PIB”, que “o 1% da poboación máis rica concentra tres veces máis riqueza que o 50% máis pobre” e que “malia as subas salariais dos 3 últimos anos, aínda non se acadou o poder adquisitivo do ano 2009, xa que mentres os prezos medraron un 30,2%, o Salario Medio apenas aumentou un 27,6%”.
Deste xeito, e tendo en conta a conxuntura inflacionaria defendeu que os incrementos sexan superiores ao IPC en cada ano de vixencia do convenio e que opere a cláusula de revisión salarial “ao xeito clásico, ao final do ano co IPC interanual” e “non ao final da vixencia”.
Xunto a isto, o secretario xeral da CIG reclamou a aplicación do convenio de sector con respecto ao salario. Lembrou que o artigo 84.2 aprobado na última reforma laboral fixo desaparecer a prioridade aplicativa do convenio de empresa en materia salarial pero que “non se está aplicando como debera” e que “nin o Ministerio de Traballo nin a Xunta de Galiza están a facelo cumprir” e reclamou que se efectivice.
Xornada laboral de 35 horas e 4 días á semana
Pola súa banda o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío centrou en tres cuestións principais os obxectivos que se marca a CIG en materia de negociación colectiva para 2025 que teñen que ver coa xornada laboral; co abuso das mutuas e coa contratación.
Respecto da xornada laboral sinalou que en Galiza seguimos tendo unha xornada das máis altas da Unión Europea que, no terceiro trimestre, foi de 1.757 horas/ano, medrando mesmo respecto de 2023. Ante isto anunciou que a CIG defenderá unha xornada laboral de 35 horas e camiñar cara a xornada semanal de 4 días.
Explicou que os procesos de robotización, dixitalización e o propio teletraballo fan que a taxa de paro do Estado español sexa das máis altas da UE e considerou que “esta é a única forma de que poidamos manter os niveis de emprego e incluso baixalos ante a nova perspectiva que vén no mercado laboral”.
Frear ás mutuas
No relativo ás mutuas a central sindical loitará por incluír nos convenios colectivos a prohibición de que as continxencias comúns sexan xestionadas polas mutuas. Unha posibilidade introducida no V Acordo de Negociación Colectiva -co beneplácito da patronal, CCOO e UGT- e que denominou como “acordo da vergoña” que denunciou que supón, de facto, “apostar e apoiar pola privatización do sistema público de saúde, co visto bo das organizacións patronais, sindicais e do Ministerio de Seguridade Social”.
No relativo á contratación, e transcorridos 3 anos de aplicación da reforma laboral do ano 2021, afirmou que cruzando os datos da Axencia Tributaria cos da Tesourería da Seguridade Social, confírmase que “entre o salario real, o que, en teoría, temos nos convenios, e as percepcións que cada traballador na súa declaración de facenda declara, hai unha diferenza de 3.631 euros”.
Atribuíu esta diferenza á contratación temporal, a tempo parcial, fixa descontinua, os contratos feitos a través de ETTs e aos contratos formativos que se están fomentando coa aprobación da lei do FP. Por iso apostou por aplicar medidas para que haxa control sindical e que, no caso dos contratos temporais non representen máis do 10% do cadro de persoal.
Lembrou que a taxa de temporalidade supera o 24%, que case un 17% dos contratos son a tempo parcial, e que, por iso hai que limitalos, porque “favorece a pobreza laboral”, ao igual que os contratos a tempo parcial.
Respecto das ETTS subliñou que os contratos a través destas empresas afectan, sobre todo, á mocidade xa que “o 42% das persoas entre 16 e 29 anos, teñen contratación por ETT” e afirmou que a CIG será “moi exixente” con esta cuestión na negociación colectiva para buscar a forma de limitar esta modalidade de contratación que provoca “pobreza e precariedade”.