La Tienda Republicana

A Patiña resiste contra a especulación inmobiliaria

15/08/2019

Varias ducias de familias levan anos loitando nun inmoble da localidade coruñesa de Cambre en defensa da súa dignidade, alugueiros sociais para a clase traballadora e que a Xunta contemple a vivenda pública como un ben necesario dentro das súas políticas. 

Un grupo de veciños instalando unha pancarta no edificio da Patiña / Plataforma A Patiña en Loita

Aínda que o da Patiña non é o único caso a nivel galego, o risco de desafiuzamento leva anos sobrevoando a situación dunhas 50 familias nunha eficicación concebida inicialmente como de renda protexida pero que dende o mes de marzo perfence a unha inmobiliaria (Haya Real Estate s.A.U.), controlada polo fondo voitre norteamericano Cerverus.

Atrás quedan anos de loita coa división inmobiliaria do Banco de Santander, que adquiriou o paquete residencial a prezo de saldo logo da crise que botou abaixo á construtora Fadesa, edificadora do inmoble na década dos 90.

A veciñanza recorda que na localidade non hai vivenda de protección oficial adaptada a minusvalías e que dende fai anos non se fan novos contratos. Consideran indispensable que se manteña a situación de renda protexida e que se garantan as condicións por escrito por un mínimo de cinco anos conforme ao IPC.

Para o deputado Antón Sánchez, que esta semana estivo cos representantes veciñais, o que na Patiña acontece é unha mostra de que o Goberno da Xunta de Galicia, comandado polo seu presidente Alberto Núñez Feijóo, estase a poñer "do lado dos especuladores" fronte ao dereito á vivenda pública. 

O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova considera "escandalosa" a situación porque as vivendas da Patiña foron feitas en parte con fondos públicos nos anos 90 para rematar no 2019 en mans dun fondo voitre que se está a aproveitar das facilidades aprobadas polos gobernos en diferentes lexislacións, facilidades que van "dende bonificacións fiscais ata axudas públicas para facer negocio".

Sánchez recordou que o caso da Patiña non é o único en Galicia e que o "modos operandi" deste tipo de fondos voitre "é ben coñecido", consistente no valeirado dos edificios para xerar unha plusvalía a través dunha revenda rápida, o que está a derivar a nivel galego que haxa unha burbulla do aluguer que provoca unha notable alza de prezos que non vai en relación coa situación dos soldos. 

O responsable político, que levará o caso ao Parlamento coa reanudación do período de sesións en setembro, pensa que a solución pasa pola compra das vivendas por parte da Xunta, debido a que o seu custe é plenamente asumible pola Administración galega e iso permitiría "o seguir aplicando alugueres sociais a xente que precisa de este tipo de alugueres". 

Para o deputado a clave está en actuar "coma un Goberno que defende á maioría" e non coma un Executivo que actúa a prol da especulación, denunciando que na actualidade a Xunta de Feijóo "non ten política de vivenda pública" pois Galicia "está á cola" da construcción de vivenda de protección oficial, tan só superada por Ceuta e Melilla.