La Tienda Republicana

Antón Sánchez considera como "absolutamente escandalosa" a tramitación administrativa do PP do parque eólico da Serra do Oribio

23/08/2019

O vicevoceiro do Grupo de En Marea e portavoz nacional de Anova detallou esta semana en rolda de prensa as numerosas irregularidades detectadas no procedemento do proxecto denunciando a sistemática complicidade do actual Executivo da Xunta coas grandes empresas do sector e contra o interés xeral da poboación.

O deputado Antón Sánchez considera necesario abrir un debate político e social sobre o modelo eólico galego / Grupo Parlamentario de En Marea

O deputado advertiu que a tramitación do parque eólico da Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos fíxose "dun xeito rocambolesco" sen ter en conta as afectacións a valiosos valores naturais e patrimoniais e sen considerar a posibilidade de estratar unha das paisaxes "máis fermosas do país".

O parque eólico -recordou-, estase a instalar nun espazo protexido a nivel europeo "que debería estar reservado da construción de eólicos" pola súa incompatibilidade coa Lei de desenvolvemento eólico de Galicia 8/2009 e o Plan Director da Rede Natura, que prohibe a súa instalación.

Antón Sánchez denunciou que o plan da empresa Fergo Galicia Vento levouse a cabo aproveitando unha tramitación administrativa "absolutamente escandalosa", polo seu escurantismo e opacidade, por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

De feito, sinalou o parlamentario, a aprobación ambiental do proxecto fíxose no ano 2005 cun Goberno da Xunta en funcións presidido por Manuel Fraga xusto o día despois de rematar o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental, o que supón un auténtico "escándalo" e tamén un exemplo "de cómo estas empresas gozan sempre do favor do Partido Popular".

No mesmo senso denunciou que algo equivalente ven de suceder agora coa publicación no DOG o 14 de agosto do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta "para vestir ao santo" para legalizas unhas obras "que se estaban a realizar ilegalmente", feito sobre o que anunciou que o Grupo Parlamentario de En Marea presentará o correspondente recurso administrativo.

O deputado indicou, asemade, que houbo grupos ecoloxistas que pediron a principios deste ano o expediente do proxecto do parque eólico e recibírono só cinco días antes da publicación da resolución, o que non lles permitiu coñecer con tempo dabondo se as modificacións proxectadas pola empresa "eran substanciais ou non", supoñendo a diferencia entre poder implantar o parque eólico ou non poder facelo.

Sánchez denunciou as "artimañas" non só de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, senón do seu subordinado o director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, actualmente imputado pola Fiscalía por suposta prevaricación ambiental e cun procedemento xudicial aberto por polas dificultades do acceso do seu departamento á información pública.

Para Antón Sánchez, "hai que abrir un debate político e social sobre o modelo eólico que queremos" porque "é posible facelo doutro xeito e debe ser necesario facelo doutro xeito" cun modelo "sostible e democratizado" virtualmente oposto ao que acutalmente está a desenvolver o Partido Popular a nivel galego.