La Tienda Republicana

Colectivos estudantís protestan contra a xestión da tarxeta universitaria polo Banco Santander

10/09/2019
A entidade bancaria insta aos alumnos a abrirse contas para facerse a tarxeta das distintas universidades galegas, dando a entender que é obrigatorio cando non o é.
Estudantes facendo cola no Banco Santander para obter a TUI da USC / ANEGA
Estudantes adscritos ao sindicato estudantil ANEGA e á Candidatura Unitaria Estudantil (a organización de estudantes maioritaria do claustro da USC) protestaron en Santiago de Compostela ante as instalacións do Banco Santander na universidade, posto que a súa xestión da expedición das tarxetas universitarias servelles para instar aos estudantes a abrir contas bancarias, supostamente necesarias para empregar as funcións de dita tarxeta. Sen embargo, todos os usos da TUI (USC), TIU (UDC) ou Carné Universitario (Uvigo), tales coma préstamos de biblioteca ou acceso a instalacións deportivas, poden empregarse sen necesidade de abrir conta algunha. 
 
Moitos son os estudantes que protestan porque, unha vez comezan a empregar a tarxeta, descobren que a conta que lles empurraron a abrir resulta totalmente inútil. Dende ANEGA (Asemblea Nacional das Estudantes Galegas) consideran que este engano é unha consecuencia visible da mercantilización da universidade pública en favor dos intereses de empresas coma o Banco Santander. 
 
Mentres o estudantado afronta unha constante precarización das súas condicións de vida (pisos de aluguer en malas condicións, empregos paralelos, becas con requisitos abusivos que chegan tarde), estas empresas teñen vía libre na universidade, favorecendo a concepción da educación coma unha mercadoría ou mesmo un privilexio polo que competir. Isto maniféstase ademais, na pasividade e complicidade que a Xunta e os reitores das universidades galegas manifestaron ante os plans de Abanca de crear unha universidade privada en Galicia. Dende o sindicato estudantil afirman que este tipo de iniciativas son o contrario do que se debe facer para lograr unha educación pública de calidade e accesible para toda a mocidade.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.