La Tienda Republicana

Luís Bará critica a “conivencia” entre o PP e o PSOE para non investigar os bens inmatriculados pola igrexa

19/09/2019

O deputado por Pontevedra e portavoz en materia de memoria histórica, Luís Bará, defendeu no Parlamento unha batería de iniciativas instando á Xunta de Galicia a demandar do Estado facer pública a listaxe de “bens inmatriculados pola Igrexa católica entre os anos 1946 e 1998”, tendo en conta a posibilidade de que foran rexistrados ilegalmente.

Luís Bará denuncia os privilexios que está a manter a Igrexa católica dentro dun estado aconfesional / BNG

Na proposta, o BNG propoñía estudar “vías legais para reclamar a anulación das inmatriculacións” de bens de dominio público e sen documento acreditativo da propiedade, así como a creación dunha unha oficina de información e asesoramento para as entidades que reclamen estes bens. Iniciativas vetadas polo  PP que votou en contra destas medidas.

Bará criticou a posición do PP “que se mantén na súa posición habitual de defensa dos privilexios, dos abusos e o espolio da Igrexa, fixérono durante o franquismo e ségueno  facendo agora”, denunciou, “só así se explica que vetasen a proposta de crear unha oficina de asesoramento, porque moitos deses bens poden ser propiedade de concellos, de comunidades veciñais, parroquiais ou comunidades de montes e que, sen sabelo, a Igrexa se apresara dous seus bens”.

Menos comprensible é a falta de apoio do PSOE, que se abstivo na votación en comisión parlamentaria, -indicou-, tras denunciar que o Goberno de Pedro Sánchez “está retrasando a publicación do informe dos bens inmatriculados, e polo tanto é responsable porque a partir dese informe poden iniciarse as accións legais para destapar o rexistro de bens que se fixeron de maneira irregular ou ilegal”.

Lembra Bará que o Executivo central dispón desde agosto de 2018 dunha listaxe de bens inmatriculados pero que non fixo pública impedindo abrir vías legais. Por esta razón, o BNG reclamou a publicación desa listaxe para, a continuación,  demandar do Goberno do Estado e da Xunta que promovesen a anulación daquelas inscricións que supoñan a apropiación de bens de dominio público e doutras propiedades de administracións e particulares.

A iniciativa do BNG apostaba por investigar todos as inmatriculacións realizadas desde 1946, data en que se aprobou a norma que outorgaba á Igrexa católica a posibilidade de rexistrar bens sen acreditar  propiedade, apuntando que esta investigación debía incidir especialmente na inscrición de lugares de culto, -que están excluídos da lei de 1946, aínda que si incluídos na reforma de 1998 da Lei Hipotecaria-,  e nos bens considerados de dominio público.

A este respecto, o nacionalista lembrou a sentenza do Tribunal de Estrasburgo de 2016 que cualifica de “arbitrario o dereito de inmatriculación da Igrexa” e considera que viola o dereito de propiedade. Por iso critica  a “conivencia de PP e PSOE para protexer estes privilexios e abusos,  impropios dun Estado  aconfesional”.

ANTECEDENTES

A  Igrexa católica goza  desde 1946 dun privilexio franquista que lle permitiu inscribir miles de bens sen ter que acreditar a propiedade dos mesmos, porque a Lei hipotecaria e o regulamento  permitiron que os representantes eclesiásticos actuasen como “fedatarios públicos”.

Aínda que a citada norma impedía inscribir templos dedicados ao culto por ser considerados bens de dominio público, a realidade é que nos anos 80 e 90 do século pasado moitos destes bens foron inmatriculados, inscritos por primeira vez no Rexistro da Propiedade a nome da Igrexa e, en 1998, o goberno do PP ampliou “o privilexio franquista” mediante unha modificación da Lei hipotecaria que lle permitía á igrexa inscribir tamén lugares de culto como igrexas, mosteiros, ermidas, capelas, catedrais,

Como consecuencia desta norma, estímase que entre 1998 e 2015, ano da supresión desta prerrogativa, foron inscritos máis de 30.000 bens a nome da Igrexa católica, dos cales unha parte poderían ser bens privados, outros de propiedade das administracións e outros de dominio público.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.