Redacción •  Galicia •  21/01/2025

BNG votará a favor da suba das pensións e contra a reforma regresiva de PSOE-Sumar

Rego considera insuficiente a suba xeral de 2,8% mais apoiará un Real Decreto Lei (9/2024) que tamén sobe as mínimas sobre 9% e prorroga outras medidas sociais.

O BNG oporase ao RDL 11/2024 de reforma das pensións porque consolida os recortes anteriores e implica novos retrocesos.

A frente nacionalista apoiará o imposto ás enerxéticas que é resultado do acordo alcanzado para aprobar a Lei de impostos aos grupos multinacionais e banca.

BNG votará a favor da suba das pensións e contra a reforma regresiva de PSOE-Sumar

21/xan./25.

O BNG apoiará no Congreso a convalidación do RDL 9/2024 que recolle a revalorización das pensións para 2025 así como a prórroga de medidas como os bonos ao transporte ou a prohibición de desafiuzamentos por impagamento do aluguer. Pola contra, votará NON ao RDL 11/2024 que reforma de novo o sistema de pensións por consideralo regresivo para os dereitos das persoas traballadoras. Aliás, o deputado nacionalista apoiará o RDL 10/2024 que estabelece un imposto ás empresas enerxéticas.

O deputado nacionalista valora de forma moi negativa a nova reforma do sistema de pensións acordado no marco do chamado ‘diálogo social’ polo goberno de PSOE-Sumar porque, para alén de consolidar os recortes anteriores, introduce novos elementos regresivos.

 Entre estes están máis facilidades á chamada ‘xubilación demora’, que pretende que se traballe máis alá da idade de xubilación e que é xenerosamente incentivada con diñeiro público ou a modificación da xubilación parcial na industria manufactureira. Ademais, o acordo xeral recolle que as baixas de orixe traumatolóxica serán asumidas polas mutuas, tanto as probas diagnósticas como os tratamentos. “Isto implica máis un elemento de privatización da sanidade e prexuízos para os traballadores e traballadoras que se verán presionadas para colleren a alta o antes posíbel, mesmo sen chegaren á plena recuperación”, sinala Néstor Rego.

Por outro lado, o deputado do BNG sinala que “o goberno non está cumprindo na aplicación de coeficientes redutores en profesións de evidente perigosidade e/ou penosidade” e considera “inaceptábel” a exclusión dos sindicatos soberanistas que teñen a condición legal de ‘máis representativos’ (no caso da Galiza, a CIG) da Comisión de Seguimento.

“Non sorprende que este Real Decreto vaia a ser aprobado cos votos favorábeis do Partido Popular, sempre especialista en recortes de dereitos para os traballadores e traballadoras”, salienta o deputado nacionalista. “Mais é posíbel que o PP vote en contra da suba das pensións que, evidentemente, o BNG vai apoiar”, engade.

Rego considera insuficiente unha suba xeral de 2,8%, estabelecida en base ao ‘valor medio’ das taxas de variación interanual do IPC, “que fica por baixo da suba real do custo da vida”, subliña. Mais tendo en conta que se trata dun RDL que recolle tamén a suba das pensións mínimas por volta de 9% e a prórroga doutras medidas sociais, o BNG votará a favor.

“Queremos lembrar que a suba das pensións mínimas en maior medida e por riba do IPC é tamén unha conquista do BNG introducida no Acordo de Investidura. Alegrámonos de que se vaia cumprindo e seguiremos traballando para que a mínima acabe situándose -xunto co SMI- en 60% do salario medio”, sinala Rego.

Por outra parte, o deputado nacionalista que o BNG votará a favor do RDL que estabelece un imposto ás enerxéticas. “É de xustiza, tendo en conta os lucros multimillonarios que obteñen e, ademais, resulta do acordo alcanzado no seu día para aprobarmos a Lei de impostos aos grupos multinacionais e á banca”, salienta.


pensiones /