Redacción •  Galicia •  21/03/2024

España incumpre a Carta Social Europea en materia de SMI, indemnización por despedimento e protección de menores

O CEDS fixo públicas onte as súas primeiras conclusións desde a ratificación por España en 2021 da versión revisada da Carta Social Europa, dando a razón á CIG en boa parte das súas alegacións

España incumpre a Carta Social Europea en materia de SMI, indemnización por despedimento e protección de menores

O Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) do Consello de Europa, con sede en Estrasburgo, publicou no día de onte as súas conclusións do ano 2023 (texto en inglés) respecto do cumprimento da Carta Social Europea por parte de 32 estados membros –entre eles o Reino de España– sobre os artigos relativos ao grupo temático sobre menores, familia e migrantes. O período examinado vai de 2018 a 2022.

As conclusións do CEDS, que son de obrigado cumprimento para os estados que ratificaron a Carta Social Europea e poden invocarse directamente perante os tribunais internos, foron elaboradas a partir do informe presentado polo Goberno español e das alegacións de varias organizacións sociais e sindicais, entre elas a CIG (texto en inglés).

Das 36 situacións examinadas, o CEDS conclúe que España cumpre 17 —aínda que en dúas delas se formularon votos particulares discrepantes— e incumpre 19, parte delas pola resistencia do goberno a presentar a información necesaria para a súa avaliación por parte do mecanismo de control da Carta.

O salario mínimo interprofesional non garante un nivel de vida digno, tal como denunciaba a CIG

O exame do CEDS sobre o cumprimento do artigo 7 da Carta Social, que recoñece o dereito a un salario xusto para as persoas traballadoras en formación, ten consecuencias que van máis alá deste colectivo, ao declararse a insuficiencia do salario mínimo interprofesional para 2021, por non atinxirse o 60% do salario medio, que é o nivel mínimo fixado polo comité de persoas expertas.

Neste sentido, o salario medio bruto en 2021 segundo Eurostat foi de 27.570,48 euros, de modo que o 60% desta cantidade serían 16.542,28 euros. Porén, o SMI para 2021 foi de 13.510 euros, situándose no 49% do salario medio bruto e incumprindo polo tanto o estándar mínimo fixado polo CEDS para a observancia da Carta Social. A situación agrávase no caso dos contratos formativos, en que a negociación colectiva debe fixar a remuneración segundo o tempo de traballo efectivo, sen que poida ser inferior ao 75% ou o 85% do SMI respectivamente no primeiro e no segundo ano.

A CIG congratúlase desta decisión do CEDS e lembra que está pendente de resolución a súa reclamación colectiva sobre a contía do SMI de 2023. As conclusións presentadas onte supoñen un importante aval á postura do sindicato nacionalista.

A indemnización taxada por despedimento non repara o dano sufrido

O CEDS maniféstase tamén nas súas conclusións sobre outra cuestión de grande actualidade, ao declarar que os límites legais á indemnización por despedimento improcedente incumpren a Carta Social Europea por non permitiren aos xulgados fixar unha compensación adecuada por todos os danos e perdas que poida sufrir a persoa traballadora ilegalmente despedida.

Aínda que o exame concreto do CEDS se refire ao caso do despedimento de mulleres durante a baixa por maternidade, a conclusión de non conformidade pode estenderse a outros supostos de improcedencia.

O organismo do Consello de Europa lembra que o artigo 56 do Estatuto dos Traballadores estabelece unha indemnización taxada para o despedimento improcedente de 33 días de salario por ano, e isto até un máximo de 24 meses de salario. Este teito legal á indemnización non permite que a traballadora sexa indemnizada tendo en conta todas as circunstancias do seu despedimento, impedindo ao xulgado outorgar unha indemnización axeitada que compense integramente o dano sufrido.

Por outro lado, o Comité examina tamén a recente modificación da lexislación española que aumentou de 9 a 12 meses o período en que unha traballadora non pode ser despedida tras ser nai, agás nos casos de despedimento colectivo por causas de empresa. Malia esta reforma, a lexislación española segue sen cumprir a Carta Social, que só permite o despedimento dunha muller en baixa por maternidade por causas disciplinarias graves, cando a empresa finaliza a súa actividade ou cando o contrato conclúe por cumprimento do termo ou da causa pactada.

Trato intolerábel a menores migrantes

O CEDS declara tamén o incumprimento do artigo 17 da Carta, que recoñece o dereito  da infancia e a xuventude á protección social, xurídica e económica. A conclusión negativa está baseada na elevada taxa de risco de pobreza infantil, a realización de probas óseas para determinar a idade de menores en situación de migración irregular, a facultade das autoridade de deportar menores en situación irregular de forma inmediata e sen lles prestar asistencia e a excesiva duración da prisión preventiva de menores. Declárase tamén vulnerado o artigo 19 da Carta pola ausencia de promoción do ensino da lingua materna dos fillos e fillas de persoas migrantes.

As conclusión recriminan tamén ao estado español a falta de información sobre cuestións que lle foron requiridas de forma constante, como as medidas para a prevención da explotación sexual e o abuso de menores, tamén a través de internet.

Votos particulares de Carmen Salcedo

As conclusións de 2023 teñen dous votos particulares formulados pola experta española Carmen Salcedo en relación con cuestións que foran alegadas pola CIG. En primeiro lugar, o exiguo importe do auxilio por defunción (46,5 euros) en comparación co custo real dun funeral, así como o nivel baixo das pensións de viuvez. En segundo lugar, a vulneración do dereito á educación das persoas discapacitadas, na liña do declarado polo Comité para as Persoas Discapacitadas en 2020, e a insuficiencia das contías do seguro escolar.

Dáse a circunstancia de que o Goberno español está a manter unha actitude inaceptábel de intromisión no funcionamento do CEDS, mediante peticións de recusación da Sra. Salcedo en procedementos de reclamación colectiva contra España. A CIG e outras organizacións, como a Confederación Europea de Sindicatos, expresaron nos pasados días o seu rexeitamento a esta práctica.


CIG /