Redacción •  Galicia •  21/07/2022

25 de Xullo, Día da Patria Galega: somos clase, somos nación!

A CIG chama a participar nos actos convocados polo nacionalismo en Santiago o vindeiro luns.

25 de Xullo, Día da Patria Galega: somos clase, somos nación!

O 25 de xullo, como todos os días do ano, reivindicamos os dereitos da patria galega porque somos clase, somos nación, pobo traballador orgulloso e consciente da necesidade de decidir nós o noso futuro e de autogobernarnos para poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra. Por iso, unha vez máis, a CIG chama a clase traballadora galega a participar nos actos que o nacionalismo convoque en Santiago de Compostela nesa data.

Hoxe é unha necesidade vital para o futuro da humanidade unha nova orde mundial asentada na paz, en pobos e nacións libres, soberanas, non sometidas nin dominadas, onde as relacións internacionais se dean en pé de igualdade.

Hoxe é unha necesidade vital para o futuro da humanidade unha nova orde mundial asentada na paz, en pobos e nacións libres, soberanas, non sometidas nin dominadas

Este novo 25 de Xullo chegar cando estamos nunha situación económica e social extrema na que se está a aproveitar a guerra na Ucraína para xustificar os altos prezos da electricidade, dos combustíbeis e de moitos bens de consumo básicos que xa arrastrabamos desde antes. Unha disparada carestía da vida e un galopante aumento da pobreza laboral fronte ao que a CIG reclama políticas públicas e salarios dignos que reduzan os efectos devastadores dos altos prezos, freen o imparable medre do empobrecemento da clase traballadora e garantan unhas condicións de vida digna para as maiorías socias.

A guerra de Ucraína e a pandemia provocada pola covid afondaron aínda máis na crise económica e social que arrastraba o noso país. Un proceso no que a descarbonización e dixitalización da economía non persegue o benestar das persoas, a xustiza social ou o reparto do traballo, senón aumentar a marxe de beneficios do capital, causando máis desemprego, máis desigualdades e máis pobreza laboral.

O oligopolio das empresas eléctricas esténdese sen asumir os custos sociais, laborais e ambientais que provoca, mentres asistimos a un rexurdir especulativo ligado ás enerxías renovábeis. Máis espolio dos nosos recursos derivado da situación de dependencia colonial que padecemos, para que nos sigan saqueando e estragando o noso territorio. Soben o prezo da luz malia Galiza ser exportadora de electricidade e subministradora dos recursos para que outros territorios teñan máis emprego e industria, mentres en Galiza aumenta a pobreza enerxética, a emigración e as ameazas para milleiros de postos de traballo.

As políticas do PP na Xunta, antes con Feixóo e agora con Rueda, contribúen a agravar aínda máis esta situación, porque a saída que teñen deseñado para a crise, servil ao poder económico, pretende facer do noso país un eucaliptal, un gran parque eólico e un enorme Camiño de Santiago como reclamo do turismo, que non crea emprego e que o pouco que crea é precario e temporal. Un modelo que busca manter unha Galiza de emigración, aventellamento da poboación, sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando

Saída galega xusta e plan de recuperación

Son urxentes medidas extraordinarias de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais, que non vemos incluídas en ningún dos chamados Plans de Resposta Económica á Guerra aprobado polo Goberno español. Non podemos permitir que se destine máis diñeiro público para armamento (o 2% do PIB) que para acabar cos efectos devastadores que a carestía da vida está a causar nas maiorías sociais.

Son urxentes medidas extraordinarias de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais

Ante esta situación a CIG leva meses mobilizándose esixindo dos Gobernos un Plan de Choque, un conxunto de de medidas urxentes para frear os altos prezos, para afrontar unha saída galega xusta da crise coa aprobación dun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos.

Fronte a isto, fai un chamamento a participar nos actos do Día da Patria Galega, conscientes da necesidade de termos soberanía para decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais; e procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental que estea ao servizo da rendibilidade social e non privada, evite a destrución de emprego e a emigración, consolide o respecto polos dereitos laborais e mellore as condicións de traballo e de vida do pobo galego.


CIG /