Redacción •  Galicia •  21/07/2024

Esquerda Unida solicita ao Parlamento Europeo que avalíe se o proxecto de Altri cumpre coas directivas medioambientais

  • Esquerda Unida a través da súa Coordinadora Nacional, Eva Solla, vén de rexistrar unha petición ao Parlamento Europeo para que avalíe se o proxecto de Altri cumpre coas directivas medioambientais da Unión.
Esquerda Unida solicita ao Parlamento Europeo que avalíe se o proxecto de Altri cumpre coas directivas medioambientais

A planta que Greenfiber proxecta na Ulloa ocuparía unha extensión aproximada de 366 hectáreas segundo a documentación feita pública e a previsión é que extraia uns 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla. Un río que forma parte dunha Reserva Natural catalogada polo Goberno de España polo grao de naturalidade da súa vexetación, fauna e bo estado ecolóxico.

Esquerda unida entende que a instalación desta factoría que emitiría gases de efecto invernadoiro e incrementaría a temperatura do río varios graos podería ir en contra dos principios de varias Directivas Europeas.

En concreto, a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida ten solicitado ao Parlamento Europeo que se valore o cumprimento das Directivas de protección e xestión de aguas, as diversas normativas derivadas do Pacto Verde Europeo, a Directiva sobre os Hábitats, a Directiva marco sobre a estratexia mariña e calquera outra relativa á protección do medio ambiente pluvial e mariño.

Esquerda Unida entende que sería inaceptable pretender o acceso a fondos europeos por parte dunha empresa que pon en perigo o medio ambiente de varias comarcas galegas e varios sectores produtivos polo que debería avaliarse seriamente os posibles incumprimentos de normas que pretenden combater o cambio climático e defender o medio natural.

En palabras de Eva Solla: “É contraditorio estar avanzando cara a protección dos recursos hídricos a nivel normativo e propor proxectos coma o de Altri, que afectaría a importantes espazos naturais e á conservación da auga do río Ulla. É hora de revisar a aplicación das Directivas.”


medio ambiente /