O BNG anuncia un novo curso escolar “cargado de rebaixas” polas políticas de recortes do PP en materia educativa
Ofertar as prazas necesarias, reducir as ratios, mellorar as instalacións ou recuperar a gratuidade dos libros de texto, entre as propostas do BNG.
A deputada Cristina Fernández Davila asegura que, a día de hoxe, moitas familias seguen agardando a que se lles asigne praza nun centro escolar.
21/ago./24.
A responsable da área de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, denunciou este mércores a política de recortes do Partido Popular cara ao novo un novo curso “cargado de rebaixas” e con moitas familias agardando a que se lles asigne praza nun centro escolar.
“A Consellería de Educación volta cun novo curso de rebaixas. Menos profesorado, alumnado por riba das ratios nas aulas, agrupación de distintos niveis, peche de unidades e centros no rural, falta de especialistas nos equipos de orientación e a maioría deles compartidos entre varios centros con evidente desatención á Diversidade”, denunciou.
Fernández Davila esixelle á Xunta do PP que mude a política educativa de continuos “recortes e desprestixio do ensino público e acúsaos de levar 15 anos de “retroceso claro na calidade educativa mentres se abre un nicho importante de negocio para os centros educativos privados”, afirmou.
Fernández Davila manifestou que as propostas educativas do BNG en materia educativa pasan por ofertar todas as prazas necesarias nos centros de ensino públicos, reducir as ratios nas aulas ou dispoñer do persoal docente necesario para unha boa atención a todo o alumnado, tamén á diversidade. Pero sobre todo pasa por substituír o “arcaico e nefasto” modelo de axudas ás familias, por unha “gratuidade universal dos libros de texto e material escolar nas etapas obrigatorias, máis económico e para todos e todas”, reclamou.
Outra demanda fundamental do BNG é a da mellora as instalacións dos centros educativos, baixo criterios previamente establecidos que sexan equitativos para todos os municipios: eficiencia enerxética, actualización das instalacións, accesibilidade ou seguridade.
A deputada advirte que, mesmo en centros onde aumenta a oferta educativa non se acrecenta o número de docentes, “unha asfixia que o PP pretende compensar a costa da sobrecarga horaria do profesorado, da eliminación de reducións autorizadas e da oferta de optatividade en secundaria, provocando deficiencias no proceso de ensino-aprendizaxe”, criticou.
Davila asegura que hai familias en toda a xeografía galega, desde Ferrol ata Rianxo, pasando por Ourense, Carral ou Valdoviño, que levan todo o verán esperando a que a Consellería de Educación lles asigne un centro escolar ás súas fillas ou fillos, pero que a resposta que reciben ás súas queixas ou alegacións “non vai máis alá de reproducir mecanicamente a normativa que regula os procesos de admisión, sen ter en conta -subliña- os dereitos básicos do alumnado e das familias” en alusión ás necesidades de transporte escolar ou a se o centro educativo de orixe está adscrito ou non.
O pasado 25 de abril moitos centros educativos publicaron as listaxes de alumnado admitido para o vindeiro curso escolar nas que “moitas das alumnas e alumnos solicitantes quedaban excluídas por falta de praza”, lamentou.
Para a deputada nacionalista, o acordo o pasado mes de outubro de 2023 entre a Consellaría e algúns sindicatos minoritarios é “un gran engano” xa que fixaba unhas novas ratios máis baixas de alumnado dentro das aulas ou unha mínima mellora horaria tan só para o profesorado de primaria, un acordo “prematuro e incompleto como xa advertiamos daquela, porque estaba pensado para calmar a presión social do profesorado co apoio das asociacións de pais e nais e, ademais, para asumir o menor custe posible en salarios”, apuntou.
Asegura que “O PP está a incumprir o seu propio acordo”. Este curso impleméntase a baixada da ratio en 4º Infantil, pero” isto non beneficiará ao alumnado xa que a Consellaría non está disposta a autorizar os desdobres necesarios en máis aulas, porque suporía a contratación de máis profesorado”. Hai alumnado que está quedando sen praza e será desprazado a outros centros, aínda sendo o seu de referencia.
Cristina Fernández Davila subliñou que as Asociacións e Federacións de ANPAS “vense obrigadas a convocar manifestacións neste mes de agosto porque son coñecedoras do despropósito” que se aveciña en poucos días”, con numerosas familias “sumidas nunha gran incertidume por non dispoñer de praza escolar a estas alturas, por non poder planificar a súa conciliación coa actividade laboral, por non poder dispor dos libros de texto ou material escolar ou por ter que asumir uns gastos extraordinarios en setembro que mermarán aínda máis o seu exigüo salario”, lamentou.