Redacción •  Galicia •  21/12/2021

Galicia en Común interpón unha denuncia colectiva contra varios altos cargos da Xunta por permitir a reapertura da mina de San Finx e contaminar a Ría de Noia

Gómez Reino: “Esta é unha denuncia que sinala directamente ao modelo de explotación do noso territorio».

Galicia en Común interpón unha denuncia colectiva contra varios altos cargos da Xunta por permitir a reapertura da mina de San Finx e contaminar a Ría de Noia

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común interpuxo unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta de Galicia a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino e asinada por varios  colectivos medioambientais:  Ecoloxistas en Acción Galiza, Plataforma  pola Defensa  do Mar da Comarca Muros-Noia, Asociación Ambiental e Cultural Tralapena e a Fundación  Montescola.

“Hai que esixir responsabilidades polo que está a ocorrer na Ría de Noia. Agradecemos o traballo que levan facendo tantos anos as asociacións ambientais. Isto é unha denuncia que sinala directamente ao modelo de explotación do noso territorio exercido pola Xunta de Galicia”, explicou Gómez Reino.

“A contaminación producida pola mina de San Finx atenta contra a saúde das persoas e pode chegar a deter os procesos produtivos desta comarca. Desde Unidas Podemos estamos totalmente comprometidas e mostramos o noso gran apoio e recoñecemento ás persoas que traballan defendendo a nosa natureza”.

A mina de San Finx reabriuse no 2009 coa aprobación dun proxecto de explotación e dun plan de restauración por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que non foron sometidos á avaliación do impacto ambiental. A explotación retomouse sen realizar a consulta ao órgano ambiental ou aos restantes órganos sectoriais e sen someterse a información pública. Ademais, se  omitiron a existencia de dúas presas de residuos mineiros en toda a documentación, a pesares de que a Ría de Noia é un espazo  Rede Natura 2000 (LIC  Estaleiro  do Tambre).

Na rolda de prensa Roberto Vilela, de  Ecoloxistas en Acción, alegou que “é un problema ambiental que vén de décadas atrás e do que a Xunta é  coñecedora”. Considera que as balsas con lodos contaminantes procedentes das minas poden desembocar nun “atentado ambiental” que poderían deixar á comarca sen actividade pesqueira “durante anos”. “É un problema moi grande, e de momento hai marisco pero son filtradores, ao final estas verteduras tóxicas terminan na poboación”.

José Romarís, de Plademar, sinalou que “doce postos de traballo non poden poñer en risco o traballo de miles de persoas”.  Lucía Rodríguez, de  Montescola, engadiu que esta denuncia non é o fin, senón o comezo dun proceso moito máis longo. “Isto só acabo de comezar e dirixímonos tamén a máis altos cargos e funcionarios da Xunta que prevarican e que van en contra da lei. Porque o seu nome non apareza na lista de denunciados, non significa que non vaia a futuro”, apostillou.


Galicia en Común /