Redacción •  Galicia •  22/01/2025

Concellos e asociacións afectadas pola reapertura da mina de Touro xa contan cun modelo de alegacións

  • Ecoloxistas en Acción, Sindicato Galego Labrego, Amigas da Terra, Tralapena, Fundación Montescola e a Plataforma veciñal Mina Touro – O Pino Non, redactaron alegacións ao proxecto de reapertura da mina de Touro e puxeronas a disposición dos concellos e asociacións afectados.
  • Nas alegacións solicitan que o trámite se resolva coa inadmisión do proxecto, porque xa se ditou unha resolución de impacto ambiental desfavorable para un proxecto análogo ao agora presentado presentado pola mesma empresa, nos mesmos terreos e para a mesma actividade.
Concellos e asociacións afectadas pola reapertura da mina de Touro xa contan cun modelo de alegacións

Ecoloxistas en Acción, Sindicato Galego Labrego, Amigas da Terra, Asociación Tralapena, Fundación Montescola e a Plataforma veciñal Mina Touro – O Pino Non, realizaron un informe de alegacións contra o proxecto de Cobre San Rafael para a reapertura da mina de Touro e puxeronnas a disposición dos concellos e asociacións afectados. O pliego de alegacións tamén será accesible a calquera organización ou persoa na web destas organizacións que queiran presentalas dentro do prazo de exposición pública que remata o 31 deste mes.

Alegan ao novo proxecto de reapertura e ampliación da mina de Touro presentado en novembro de 2024 pola sociedade Cobre San Rafael, aseguran que é practicamente idéntico ao denegado no ano 2020, o que xa evidencia que suporá un novo impacto negativo sobre o ciclo hídrico e que presenta eivas nas medidas de xestión dun escenario accidental da balsa de lodos. Lembran que isto motivou que a anterior declaración de impacto ambiental fora desfavorable, e agora, pola contra, a Xunta declarou Proxecto de Interese Estratéxico ao mesmo proxecto que denegou fai pouco máis de 3 anos. 

Para as organizacións redactoras das alegacións é moi probable de executarse o proxecto mineiro se produzan augas de drenaxe ácidas que afectarán ás masas de auga superficial e subterráneas. Ademais desta contaminación no medio permanente ou de longa duración, tamén é posible que se xeren impactos de tipo catastrófico como a rotura ou filtracións da balsa de lodos. Máis cando a promotora non demostrou que conte cos medios técnicos e económicos suficientes para o mantemento das infraestruturas durante un período suficiente para evitar os riscos de colapso da balsa de residuos mineiros.

Alertan de que a afección dos hábitats de interese comunitario por augas de drenaxe mineiro ácidas terá unha importancia crucial sobre estes obxectivos de conservación do espazo, tal como se demostrou no pasado proxecto, afectando á funcionalidade e estrutura dos seguintes hábitats de interese comunitario tanto da ZEC, como de ámbitos próximos precisos para garantir a súa conectividade e integridade. En xeral, as afeccións traduciranse na perda de diversidade e riqueza especifica, pola acumulación de material particulado metálico e hidróxidos metálicos no leito do río, o que afectará á estrutura e función destes hábitats. En particular, o principal hábitat obxectivo da ZEC (3260; Ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion), poderíase ver afectado ata nun 65% da súa superficie. De feito, os datos recollidos durante anteriores episodios de arrastre de augas de drenaxes ácidas xa indicaron unha afección en toda a parte baixa do río Ulla que non superaría o umbral técnico elaborado para interpretar os criterios xerais de avaliación do estado de conservación establecidos pola Comisión Europea.

Destacan tamén que malia que a documentación do proxecto afirma que a mina é a oportunidade que a comarca non pode deixar escapar, a solución ao paro e ao declive demográfico, os datos demográficos non o corroboran. Pola contra, a reapertura da mina pode pór en perigo a economía tradicional local. Os negocios de comercio, hostalería, transporte, guías, hospedaxe, produción de alimentos, etc. da zona, asociados ao Camiño de Santiago-Camino-Francés veranse afectados moi negativamente.. A ruta do Camiño francés situarase a apenas 2 km da explotación mineira, sendo ademais O Pedrouzo final de etapa e lugar onde pernoitan actualmente moitos peregrinos. O ruído, o tráfico, o po e partículas en suspensión e a degradación da paisaxe non parecen unha boa carta de presentación ante os miles de peregrinos que nos visitan cada ano. 

Ademais, a mina implica a perda da base territorial das granxas da contorna, e de fincas de monte que complementan a economía de moitos propietarios. Sinalan que non son desdeñables os riscos que supón sobre a produción marisqueira, acuicultura e industria do mar da ría de Arousa, que é con diferenza a de maior produción de Galicia e que depende da imaxe e a garantía de boa calidade das súas augas para manter a promoción dos seus produtos. Na ría de Arousa a industria do mar xera centos de millóns de beneficios directos cada año e miles de empregos. Estes riscos serán ademais acumulativos co proxecto de ALTRI, no caso de que a autorización que se está tramitando sexa concedida

Alertan tamén que a afección á calidade das augas de captacións de abastecemento nos concellos de Touro e O Pino coa eliminación de máis de 11 captacións, e augas abaixo para máis de 150.000 persoas que se abastecen da  bacía do Ulla, que en períodos de vacacións multiplícase enormemente, con compostos tóxicos que teñen un carácter acumulativo no organismo. A análise técnica do proxecto mineiro, do seu contexto e dos seus antecedentes evidencia que a amplitude do espazo comprometido é extraordinaria e os recursos naturais e persoas afectadas tamén; a natureza, intensidade e certeza do impacto sobre os ecosistemas, as masas de auga e a poboación. Así, nun contexto de extracción de recursos que non son renovables esgotaríase a súa dispoñibilidade e deixaríase un legado para as xeracións futuras de contaminación de carácter crónico con afeccións a hábitats e especies de interese comunitario, especies ameazadas, á ZEC Sistema fluvial Ulla_Deza, a masas de augas subterráneas e superficiais, paisaxes , lugares de indubidable interese turístico e supoñendo un risco ademais para a seguridade e saúde das persoas.

Ademais, consideran que non é defendible establecer a viabilidade ambiental da prórroga dunha explotación que tivo capacidade tan siquera de mitigar os impactos previos que motivaran que se incumpran claramente os obxectivos establecidos na Directiva marco del auga e no Plan hidrolóxico Galicia_Costa actual nas bacías dos ríos Lañas e Brandelos. A incapacidade demostrada ata o día de hoxe dos plans e medidas de restauración do anterior proxecto mineiro e dos proxectos de drenaxe e depuración da actual empresa que quere liderar a reapertura da mina, fai que non sexa crible que as medidas que agora se propoñen vaian a evitar que existan impactos residuais que afecten de xeito apreciable aos hábitats fluviais, incluídos os da ZEC, e poñan en risco a saúde das persoas. 

Ante todas estas graves afecciones que tería o proxecto de Cobre San Rafael, Ecoloxistas en Acción, Sindicato Galego Labrego, Amigas da Terra, Tralapena, Montescola e a plataforma veciñal Mina Touro – O Pino Non, solicitan nas súas alegacións que se inadmita o proxecto de reapertura e ampliación da mina de Touro e convidan a todos os concellos e corporacións da ribeira do Ulla que se unan a esta petición e formulen alegacións ao proxecto que pon en risco a calidade da auga e biodiversidade do Río Ulla ata a ría de Arousa. O informe tamén se trasladou ás direccións xerais da Consellería de Medio Ambiente e outros organismos que poidan ter a responsabilidade de emitir informes sectoriais ás que se pide que teñan en conta a información facilitada nestas alegacións.


minas /