Comunicación da Executiva Nacional á militancia do BNG sobre os resultados das eleccións Galegas
Desde a Executiva Nacional do BNG, e á falta de poder facer nos vindeiros días unha análise máis pausada e demorada dos datos e elementos de interese que nos deixan os resultados das eleccións Galegas celebradas onte, queremos trasladar ao conxunto da militancia do BNG unhas primeiras consideracións:
- O noso recoñecemento e orgullo polo intenso traballo militante desenvolvido por todas e todos vós ao longo e ancho do noso país. O BNG é unha organización que ten na militancia o seu mellor valor e de novo quedou en evidencia ao longo de toda esta campaña.
- Á espera do reconto do voto CERA, o BNG obtivo máis de 467.000 votos e un 31,57% de voto. Isto supón un medre de 7´79 puntos e 156.000 votos con respecto ao 2020. Unha de cada tres persoas que foi votar, votou polo BNG. Isto supón un grande avance electoral para o nacionalismo galego e é o mellor resultado da nosa historia. No conxunto do país, concello a concello, queremos e debemos trasladar a nosa gratitude a todas e cada unha das persoas que colleron a papeleta do BNG.
- Fixemos unha campaña moi exitosa e enfocada en positivo: de ideas, de propostas e de mobilización, desde a verdade, os datos e o entusiasmo que xeramos ao noso ao redor. Pola contra, padecemos, desde o Partido Popular e o seu entorno político-mediático, unha agresiva campaña sucia de mentiras, manipulacións e difamacións, que cruzou todas as liñas vermellas do que deberamos poder aceptar da actividade política. Imos analizar todo o acontecido nestes días para estudar as pertinentes accións legais que se poidan emprender neste sentido. Especialmente grave foi a actuación dunha CRTVG convertida nun triste e vergoñento aparato de propaganda do Partido Popular.
- Nestas eleccións recollemos, de forma moi ampla e transversal, o apoio de millleiros de galegos e de galegas. Moitos deles e delas collían por vez primeira a papeleta do BNG, e todos e todas «sentíronse parte» dun momento e dunha vontade de cambio que xerou unha enorme ilusión, entusiasmo e mobilización. A todas esas persoas, non lles imos fallar. O BNG vai ser a forza que defenda cada día a Galiza mellor que unha maioría desexa para o noso país, e imos facelo do xeito que mostramos nesta campaña: con amplitude de miras e mans tendidas a toda a nosa sociedade.
- Neste sentido, o apoio electoral recibido e a capacidade de conexión e de representación do sentir dunha parte moi importante da sociedade galega demostran novamente que o BNG non ten teito. Hoxe estamos en condicións máis sólidas para desputar a hexemonía político-electoral e social ao Partido Popular.
- Finalmente, e aínda que o resultado electoral do BNG é extraordinario, a nosa prioridade política era provocar o cambio político na Xunta, e nese sentido compartimos a decepción que hoxe sente unha parte importante da nosa sociedade. Os cambios políticos precisan tempo, mais o camiño está marcado e o obxectivo final ha de chegar. Esta campaña demostra que na sociedade galega hai un cambio profundo que avanza sen pausa, un novo país en marcha do que o BNG foi a expresión político-electoral este domingo.