Redacción •  Galicia •  22/02/2025

As mulleres da CIG mobilizaranse este 8 de Marzo en demanda de traballo, igualdade e salarios dignos

  • A central advirte que a fenda salarial acada o 18,4% en Galiza e que esta non se poderá reducir mentres non haxa unha valoración xusta dos traballos feminizados.
As mulleres da CIG mobilizaranse este 8 de Marzo en demanda de traballo, igualdade e salarios dignos

A Secretaría das Mulleres da CIG presentou esta mañá a campaña “Traballo, igualdade, salarios dignos. Galiza con dereitos”, arredor da que conmemorará o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Unhas reivindicacións, salientou a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, elixidas porque a pesar a pesar da evolución en materia de dereitos formais, «o certo é que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor».

Esta realidade reflíctese no informe sobre a “Situación sociolaboral das mulleres en Galiza. Ano 2024” que a responsábel do Gabinete Técnico Confederal da CIG, Natividade López Gromaz,  se encargou de debullar. Salientou que o enorme incremento da taxa de actividade feminina no que levamos de século (até acadar case o 50%), está altamente relacionado coa «externalización» dos coidados.

Desde o ano 2010 -primeiro ano no que hai información desagregada por ramas de actividade e sexo- o 50% do emprego feminino que se creou foi na rama de sanidade e servizos sociais, onde están incluídos os empregos relacionados cos coidados. «É evidente o papel que esta actividade económica tivo, e está tendo, no aumento do emprego ‘recoñecido’ entre as mulleres». O que antes eran traballos de coidados na esfera privada «agora é emprego, maioritariamente por conta allea, visíbel, pero precario».

De aí, advertiu López Gromaz, que a situación das mulleres, no seu conxunto, nunca mellora, pois na medida en que algunhas acadan postos ou actividades menos precarias e con máis recoñecemento «outras veñen ocupar o seu espazo, perpetuando a precariedade laboral -tanto en condicións de traballo como en salarios-, como un distintivo claramente feminino».  Moitas destas mulleres agora son inmigrantes, factor que «multiplica exponencialmente a precariedade laboral e salarial».

Máis parcialidade, temporalidade e baixos salarios

A economista relacionou esta precariedade coa maior parcialidade na contratación, a temporalidade e aos baixos salarios. Nesta liña, Nicolasa Castro incidiu en que o 10,7% sobre o 18,4% da fenda salarial, orixínase na temporalidade e a parcialidade, ao que hai engadir “a desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais”.

Aínda que a última reforma laboral (ano 2021) se vendeu como unha medida para rematar coa precariedade, especialmente entre as mulleres, na realidade «non fixo máis que alongar as fendas de xénero existentes antes da súa aprobación».

López Gromaz destacou que o 60% dos contratos fixos-descontinuos están subscritos por mulleres e só o 45,6% das mulleres teñen contratos indefinidos a tempo completo fronte ao 71% dos homes. Pola contra, o 20% das mulleres teñen un contrato indefinido a tempo parcial fronte ao 8,1% dos homes e a porcentaxe de mulleres con contrato temporal acada o 29,9% mentres que a dos homes está no 17,8%.

No relativo á xornada, salientou que durante 2024 o 76,6% dos traballos a xornada parcial foron feitos por mulleres. Pero esta parcialidade «é altamente involuntaria» como se desprende dos datos da EPA: o 42% das mulleres por non atopar un traballo a xornada completa, e un 22% por atender a persoas dependentes. «Atallar a parcialidade involuntaria, sexa por coidados ou por outros motivos, é esencial se se quere reducir a precariedade laboral e a fenda de xénero», aseverou.

Persistencia da fenda salarial

A respecto da fenda salarial, a responsábel do Gabinete Técnico indicou que nos últimos anos se detectou unha leve redución favorecida por dous factores: a perda de peso do sector industrial -máis masculinizado e con salarios máis elevados- a favor dos servizos (onde está o 84,7% da mulleres ocupadas), e os incrementos do SMI (ao encontrarse a maioría das traballadoras nos tramos de menores ingresos). Aínda así, en termos absolutos a fenda salarial aumentou até acadar os 4.687 euros en 2023 (18,4%).

Ademais, advertiu que a nova poboación asalariada feminina entra no mercado laboral cuns ingresos moi cativos: en 2023, a proporción de mulleres con ingresos inferiores ao SMI aumentou até o 40,5%, 3 décimas máis que no ano previo. Estas diferenzas de ingresos cos homes débense á parcialidade e á temporalidade, mais sobre todo a que as mulleres seguen tendo maior presenza nas actividades e categorías profesionais peor remuneradas.

Exceptuando servizos sociais (que inclúe sanidade ou ensino), no resto de actividades económicas nas que as mulleres son maioría, a fenda salarial supera o 23%. A maior diferencia atópase en «servizos ás empresas», onde acada o 25,7%. Nesta rama as mulleres representan o 53,8%, e tiveron uns ingresos medios de 15.888 euros brutos anuais (os homes tiveron 21.393€). En «outros servizos persoais e de lecer» as mulleres son o 58,25% do total de persoas traballadoras, pero teñen uns ingresos un 23,1% inferiores aos seus compañeiros e de media obtiveron uns ingresos de 10.462 euros anuais, moi por debaixo do SMI.

No caso de «entidades financeiras e aseguradoras», as mulleres perciben de media 10.587 euros menos ao ano que os homes, a pesar de significaren o 55% de presenza nesta rama.

Xunto a rama de actividade, outro factor determinante nos ingresos é a ocupación e a categoría profesional. Nin sequera  o maior nivel de formación abonda para recortar as diferenzas de ingresos cos homes. «Se a formación non serve par corrixir as fendas, a esperanza de que estas vaian diminuíndo, desaparece», aseverou López Gromar.

Estas condicións máis precarias afectan, como é lóxico, ás pensións: no ano 2023, a fenda de xénero das pensións acadou o 33,6%. Isto é, as mulleres cobran 421,88 euros menos de pensión que os homes.

SMI digno e melloras nos dereitos de conciliación

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou que a pesar do longo camino percorrido na conquista de deritos, “as mulleres seguimos sufrindo desigualdades, como as que se manteñen no ámbito laboral e que explican a existencia da fenda salarial de xénero.  Para acadar autonomía persoal plena precisamos ser autónomas economicamente e para ser tratadas como iguais a valoración do noso traballos debe ser obxectiva e xusta”.

Por iso, unha das reivindicacións que a CIG levará nas mobolizacións deste 8 de Marzo é situar o SMI nos 1320,04€, acadando así o 60% do salario medio no Estado español, como recomenda a Carta Social Europea. “Un SMI digno é un elemento fundamental para impedir que a fenda se siga a agrandar”, sinalou.

Xunto a isto, a Castro demandou a ampliación dos permisos retribuídos, facilitar as adaptacións de xornada “e dispor duns servizos públicos que cubran as demandas reais e sirvan de apoio ás mulleres traballadoras con persoas idosas, crianzas e dependendentes en xeral ao seu cargo”.

Lembrou que o Goberno español desoíu as directrices europeas canto á remuneración do permiso parental de 8 semanas; que os permisos por nacemento, adopción, acollemento e lactación están por debaixo das recomendacións da OMS;  e que as familias monoparentais (monomarentais na gran maioría) non teñen o mesmo tempo de permiso por nacemento e lactación que as familias con 2 persoas proxenitoras.

“Outra demanda das traballadoras, engadiu, é o dereito a traballar sen ser acosadas ou violentadas, polo que exiximos que se elaboren e cumpran os plans contra o acoso nas empresas e que a inspección estexa vixiante e castigue de forma exemplar a violencia contra as mulleres no traballo”.

Para a secretaria confederal “as mulleres seguimos cargadas de razóns para saír á rúa” e fixo un chamado a participar nas concentracións que a CIG ten convocadas este 8 de Marzo, ás 12h, nas sete cidades, na Guarda, nas Pontes, Burela, Cangas, Carballo e Cee, así como animou a participar nas mobilizacións que o feminismo galego convoque esa xornda pola tarde. “Os avances na consecución dos nosos dereitos virá da nosa loita como mulleres e como traballadoras. A mobilización é o único camiño para conseguir traballo, igualdade e salarios dignos”, concluíu.


8 de marzo /