Redacción •  Galicia •  22/03/2025

A CIG demanda a activación xa do fondo de compensación ás vítimas do amianto e eliminar as restricións de acceso

  • A central organizou en Ferrol unha xornada de debate sobre a demora deste mecanismo de reparación.
A CIG demanda a activación xa do fondo de compensación ás vítimas do amianto e eliminar as restricións de acceso

A CIG organizou este venres unha xornada de debate sobre o fondo de compensación á vítimas do amianto na que se aclararon dúbidas e se abordaron as eivas do borrador do regulamento para a súa aplicación, o grao de desenvolvemento da lei que contempla a súa creación, as principais demandas das persoas afectadas pola exposición a este axente canceríxeno, así como as propostas da central nacionalista para garantir unha reparación integral.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, foi o encargado de presentar e ofrecer as conclusións da xornada na que participaron Víctor López Casal, avogado colaborador de AGAVIDA, e unha das persoas que máis casos ten levado; a pneumóloga Carmen Diego, que foi directora da unidade especial da asbestose en Ferrol desde a súa creación até o ano pasado; e o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, coñecedor de primeira man de todo o proceso da tramitación da lei e que ademais ten trasladado ao Congreso a posición da CIG ao respecto.

A creación dun fondo de compensación é unha reivindicación histórica do sindicalismo, como mecanismo de reparación integral para as vítimas do amianto sen que teñan que acudir á xustiza. Do mesmo xeito que se fai desde hai anos noutros estados da UE como Francia, Holanda ou Bélxica, nos que xa existen fondos deste tipo.

O 19 de outubro de 2022, tras un longo camiño parlamentario, publicouse no BOE a Lei 21/2022, de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto. “A lei de creación do fondo está polo tanto aprobada e en vigor”, salientou Bouzas Aboi, pero para poder aplicarse “e que as persoas afectadas podan presentar as súas reclamacións e conseguir esa reparación que demandan”, a lei precisa dun regulamento no que se especifique como vai ser o procedemento administrativo, que máis de dous anos despois segue sen desenvolverse.

En xuño de 2023, o Goberno español publicou un proxecto de real decreto para regular o fondo que a CIG criticou por resultar restritivo no acceso ás compensacións, contemplar contías inferiores ás que xa recoñece a xustiza, carecer de perspectiva de xénero, establecer a necesidade de contar cun recoñecemento administrativo ou xudicial previo e limitar a dotación do fondo a 25 millóns de euros.

Restricións no acceso ao fondo

O secretario da CIG-Industria rexeitou que cinxa o recoñecemento da condición de persoa beneficiaria a aquelas que non percibiran xa unha indemnización e nos casos que presentar repercusión funcional moderada ou severa. Neste senso, destacou que a exposición ao amianto provoca distintas patoloxías dunha determinada gravidade, que co tempo poden evolucionar noutras patoloxías de maior gravidade e/ou con maior afectación funcional.

Engadiu ademais que a orixe laboral destas enfermidades está demostrada cientificamente e non existe xustificación obxectiva para limitar o listado de patoloxías nin cinguir o dereito de acceso a aquelas persoas que xa dispoñen dun recoñecemento administrativo ou xudicial. “Para a CIG é inxusto que un fondo creado para facilitar o proceso de recoñecemento sexa tan restritivo e acabe obrigando as persoas afectadas a ter que seguir recorrendo aos xulgados”, aseverou.

Bouzas Aboi lamentou tamén que esta relación de patoloxías careza da necesaria perspectiva de xénero, obviando a existencia doutras patoloxías exclusivas de mulleres derivadas da exposición ao amianto.

Outra cuestión que criticou foi a obriga de que as persoas estean inscritas no RETEA, ao entender que “discrimina directamente e deixa sen cobertura a aquelas persoas traballadoras que aínda que estivesen expostas ao amianto non estivesen inscritas no RETEA debido a que as súas empresas non comunicaron no seu momento a súa exposición ao amianto á autoridade laboral”. Esta obriga, salientou, exclúe ao persoal das compañías auxiliares do naval, da mariña mercante, persoal funcionario, autónomo, etc.

Descentralizar o procedemento

Dende a perspectiva da CIG e en relación aos equipos de valoración deberíase promover a creación na Galiza dunha estrutura autonómica propia, descentralizada e especializada nesta materia, con capacidade e competencias de valoración, resolución e certificación. De igua xeito, que se constitúan comisións a nivel autonómico, que se doten de competencias e operatividade para poder resolver as reclamacións previas á vía xudicial; e que se manteña na xurisdición social a competencia para recoñecer sobre todo o relacionado co dereito a obter a correspondente compensación do fondo.

Indemnizacións insuficientes

Na xornada denunciouse que as contías recollidas no baremo indemnizador son “manifestamente insuficientes”, oscilando entre os 27.359,76 e os 68.399,40 euros. A estas cantidades habería que descontar a correspondente tributación ao IRPF, xa que o Goberno se manifestou contrario en todo momento a consideralas rendas exentas de tributación.

“Resulta gravísima e fondamente inxusta esta carencia, podendo verse as persoas afectadas a ter que tributar entre o 45% e o 47% das cantidades percibidas. Unha auténtica anomalía que, sumada á baixa contía das indemnizacións previstas, invalidan de facto o espírito e a operatividade real do fondo de compensación, quedando só como alternativa para as persoas afectadas a vía xudicial”, aseverou Bouzas Aboi.

A todas luces, continuou, “trátase dun comportamento discriminatorio para unhas vítimas en cuxas exposicións ao axente tóxico existe unha responsabilidade ineludíbel do Estado, xa que en España os diferentes Gobernos demoraron de maneira inxustificada a prohibición de uso e comercialización de todas as variedades do amianto a pesar de existir unha evidencia científica incuestionábel sobre os seus efectos na saúde humana dende varias décadas antes da prohibición definitiva”.

De feito, as contías indemnizatorias estabelecidas polas sentenzas xudiciais acumuladas até a data de hoxe, son substancialmente superiores ás indemnizacións propostas para o fondo. “De non variar esta fonda inxustiza orixe dunha inadmisíbel discriminación e iniquidade social, un dos grandes valores do fondo de compensación, evitar a vía xudicial e axilizar os procesos, veríase seriamente comprometida ao obrigar ás persoas traballadoras afectadas e ás súas familias a iniciar a vía xudicial para reclamar os seus dereitos”.

Nesta liña, reclamou aumentar a dotación do fondo (limitado a 25 millóns de euros) para garantir que se cubran todas as resolucións e que o recoñecemento á indemnización por parte do fondo implique o recoñecemento automático da enfermidade profesional e, no seu caso, percibir a correspondente pensión.

Finalmente a CIG entende que hai que modificar os prazos de prescrición acoutados a 5 anos dende o transcurso da sentenza. “Este prazo ten que ser dende o momento en que o fondo comece a funcionar efectivamente e as persoas teñan ocasión de presentar as súas solicitudes”.


amianto /