Redacción •  Galicia •  22/04/2023

CIG-Saúde asina un acordo de mellora das condicións de traballo e retributivas para todo o persoal do SERGAS

  • Conséguese reducir a xornada de todo o persoal da sanidade pública a 35 horas semanais.
CIG-Saúde asina un acordo de mellora das condicións de traballo e retributivas para todo o persoal do SERGAS

CIG-Saúde conseguiu forzar, na mesa sectorial deste xoves, día 20 de abril, a negociación coa presenza do Conselleiro de sanidade, coa posibilidade dunha convocatoria de folga enriba da mesa. Despois de 11 horas e de presionar até o último momento, conseguiuse asinar un acordo que ademais de melloras retributivas para todas as categorías, recolle melloras nas condicións de traballo.

A mellora retributiva atinxe a todas as categorías na atención continuada, nocturnidade, festividade e gardas. Unha parte aplicarase a partir do 1 de xullo de 2023 e a totalidade da mellora aplicarase a partir do 1 de xaneiro de 2024.

No relativo a descansos e organización das gardas, acordouse unha actualización da normativa de gardas localizadas e descansos en xuño de 2023. Ademais haberá pagamento de un festivo os días 24 e 31 de decembro, en todas as categorías. Contémplase a turnicidade en atención primaria para quendas de tarde e deslizantes para o 1 de xaneiro de 2024 e a mellora retributiva da turnicidade nun 7,9% para o de xaneiro de 2024.

Xornada Laboral

Respecto da xornada laboral conseguimos a xornada equivalente a 35 horas da que, segundo explica o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel moreira, “se negaban a falar”, en base á redución progresiva da xornada anual en 112 horas, a razón de 21 horas (3 días) en 2023; 49 horas (7 días) en 2024 e 42 horas (6 días) no 2025.

A mesa sectorial

Moreira explica que a mesa sectorial estaba convocada previamente á negociación de CESM coa consellaría de Sanidade para desconvocar a folga. Porén o seu acordo “precipita unha reacción por parte das organizacións sindicais da mesa sectorial e por parte da CIG, porque entendemos que é un acordo só para unha parte dos profesionais que, ademais, inclúe elementos cos que non estamos de acordo como coa supresión do complemento de dedicación exclusiva”.

Isto obrigou a converter unha mesa sectorial que estaba convocada para tratar uns temas que xa levaban meses negociando, nunha reunión, en realidade, “para desconvocar unha mobilización que implicitamente convocara o conselleiro de Sanidade ao firmar o acordo con CESM”, explica.

A estratexia era, afirma, negociar melloras retributivas que estaban xa contempladas no acordo retributivo 2008-2012 e que esas melloras retributivas foran asociadas a melloras na xornada, porque unha das demandas das traballadoras/es era que “non queremos cobrar máis por traballar máis. O que queremos é poder traballar menos para traballar con máis calidade”.

Por iso, sinala, “presionamos desde o principio da negociación da mesa sectorial para acadar un acordo para esas melloras retributivas para as condicións máis penosas, de gardas, de turnicidade, de festividade e de nocturnidade”, pero, sobre todo, “para conseguir as melloras no ámbito de xornada para acadar necesariamente as 35 horas, e esa foi a reclamación que puxemos enriba da mesa”.

Xornada de 35 horas

As 35 horas de xornada efectiva conseguise despois de que o SERGAS “se negara sistematicamente a falar deste tema, dicindo que este era un tema de ámbito de Función Pública e que non podía tomarse a decisión desde a consellaría de sanidade”.

Fronte a isto, a CIG-Saúde defendeu que si que era a súa responsabilidade axustar a xornada do persoal da sanidade pública. Ante isto o conselleiro, que dixo que tiña que pedir a autorización de función pública, chegou cunha proposta de 21 horas no ano 2024 e nada máis. Isto provocou que a reunión da mesa sectorial demorara até que as once da noite “cedeu en acadar a rebaixa das 112 horas e ademais acadalo en 2025. É dicir, nese ano rebaixarase a xornada a 35 horas efectivas para o persoal da Sanidade Pública”.

Seguir negociando

O secretario nacional de CIG-Saúde entende que este avance é moi importante “mais non pecha ningunha outra negociación, nin ten que ver cos acordos de Primaria que estamos negociando, nin coa necesaria revisión dos ratios en Atención Hospitalaria que é necesario facer para mellorar a calidade da prestación que se dá nos hospitais e mellorar os recursos alí onde sexa necesario”.

Moreira insiste en que a prioridade da CIG-Saúde era descargar o traballo e converter os postos de traballo en máis vivibles para que as traballadoras e traballadores “teñan mellores condicións de saúde laboral e máis calidade de vida”. Mais tamén para que iso permita “dar unha prestación de máis calidade”.

Con todo entende que para resolver a cuestión das horas a maiores “o que hai que facer é cubrilas con contratación”. “Nós non queremos que se paguen horas extra, nin atención continuada, nin ningunha outra forma de sobrecontratación do persoal xa contratado”.

En todo caso, entende que hai categorías nas que “é probable que as e os profesionais que deixen de facer esas horas como xornada efectiva ordinaria teñan que facelo como xornada extraordinaria e reciban unha retribución a cambio, “porque sexa imposible a contratación, pero como temos que garantir a calidade asistencial, iso tamén se vai a facer así”.

Para a CIG-Saúde o máis relevante deste acordo é que “atinxe ao conxunto das traballadoras e traballadores da sanidade pública, como non podía ser doutro xeito, e afecta a todos os profesionais que fagan calquera tipo de xornada», porque no ámbito do SERGAS hai diferentes tipos de xornada, desde xornadas de mañá ou de tardes fixas, quendas rotatorias de mañá e tarde ou complexas mañás tardes e noites ou xornadas especiais como nos PACs ou nos servizos de urxencias hospitalarias.


sanidad /