Redacción •  Galicia •  22/06/2021

Os sindicatos esixen que se cumpra a sentenza da Audiencia Nacional sobre Alcoa

A sala do Social da Audiencia Nacional condenou o pasado 15 de xuño a Alcoa a indemnizar e recolocar o persoal das plantas da Coruña e Avilés.

Os sindicatos esixen que se cumpra a sentenza da Audiencia Nacional sobre Alcoa

Os sindicatos con representación nas fábricas de Alu Ibérica da Coruña e de Avilés, que eran propiedade de Alcoa, esixen o cumprimento da sentenza emitida a pasada semana pola Audiencia Nacional. Fano tras analizar con detalle o contido da resolución xudicial, que estima as pretensións dos representantes dos traballadores e das traballadoras e declara que a multinacional estadounidense se tentou zafar das consecuencias do despedimento colectivo do 2019 mediante unha «venda ficticia» a unha empresa que carecía da solvencia e seriedade necesarias.

CCOO, UGT e CIG continuarán defendendo as traballadoras e traballadores afectados pola «enorme fraude cometida». Por esta razón, queren activar as garantías contidas no acordo asinado con Alcoa o 15 de xaneiro de 2019.

Dado que a venda foi «ficticia», e que o Grupo Alcoa «segue sendo en realidade o empreador», é a quen os sindicatos van esixir —a través da Audiencia Nacional— imos esixir a través da Audiencia Nacional, que cumpra a sentenza, malia que non sexa firme. Para ese efecto, solicítanlle ao tribunal sentenciador que aclare a data de cálculo das garantías, que a representación do persoal fixa no 31 de xullo de 2019, data en que se materializou a venda das instalacións.

Deste xeito, queren que aos traballadores e traballadoras que daquela tiñan menos de 53 anos se lles entregue ou garanta a indemnización pactada. Ao persoal maior desa idade, que se poña en marcha o plan de rendas previsto, coa achega dos fondos necesarios.

Os sindicatos tamén queren «rescatar» o persoal que, por mor da situación, tivo que procurar outro emprego. Igualmente, advirten que «non imos deixar atrás» as traballadoras e traballadores das fundicións, sen descartar accións xudiciais para este efecto.


Alcoa /  Audiencia Nacional /  CCOO /  CIG /  UGT /