O BNG reta a Rueda a rebater o “negacionismo” lingüístico do PP de Feijóo apoiando o uso do galego no Congreso
Queixas empraza ao Goberno galego a deixar a confrontación e a traballar pola consolidación da nosa lingua, “que non ten límites nin fronteiras”.
“As chamadas linguas cooficiais non conviven en parámetros de igualdade co castelán nin sequera nas administracións públicas”, advirte.
22/AGO./23.
A deputada do BNG Mercedes Queixas criticou hoxe a “actitude negacionista” cara ao galego do PP de Feijóo logo de terse posicionado contra o uso das linguas cooficiais no Congreso alegando que xa se empregan no Senado e que se trata dun “debate estéril” e dunha “cortina de fume”, tal e como asegurou o seu vicesecretario de Organización, Miguel Tellado.
Queixas retou así ao presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, a abandonar a “política de negación” rebatendo dende o País o “menosprezo” amosado, en consonancia coa ultradereita, polo PP do Estado, que mesmo ten anunciado o estudo de accións legais para frear o uso do galego, catalán e éuscaro na tribuna do Congreso, afirmou a deputada do Bloque.
“O freo do goberno do PP en Galiza ao avance da restitución do uso normalizado do galego, prohibíndoo por exemplo na escola en diferentes materias, refórzase agora co seu veto a exercer o dereito de uso das linguas cooficiais nas intervencións dos deputados e deputadas no Congreso”, censurou.
O Bloque xa presentou no Parlamento unha batería de iniciativas para defender dende Galiza o dereito ao uso das linguas cooficiais na Cámara Baixa e, entre outras cuestións, instará ao Goberno da Xunta a apoiar a proposta de utilización do galego nas intervencións dos deputados e as deputadas galegas no Congreso.
“É moita hora de que o PP galego abandone a política da negación, de confrontación e quebra do consenso social que inaugurou en 2009 e de que se posicione como aliado da consolidación do galego, nomeadamente en Galiza, máis tamén máis alá, xa que non existen límites nin fronteiras para a nosa lingua, como ten demostrado unha e outra vez a cultura coa que construímos identidade da man da nosa lingua, desde o cantar das Tanxugueiras até a proxección do filme Matria ou múltiples traducións literarias”, manifestou Mercedes Queixas.
Nas súas iniciativas, a deputada nacionalista empraza ao Goberno do PP na Xunta a que diga se comparte a posición do PP estatal, se considera que esta é coherente coa defensa da diversidade lingüística no Estado español ou “se entende que a posición contraria a dar visibilidade ás linguas cooficiais, nomeadamente o galego, fortalece a igualdade, o respecto e a riqueza plurilingüe no conxunto do Estado”.
Mercedes Queixas recoñeceu que nos corenta anos de vixencia da Lei de Normalización Lingüística téñense conseguido avances “simbólicos pero tamén significativos”, mais tamén advertiu de que a día de hoxe “os déficits no uso son evidentes”, que a perda de falantes se acentúa e que a escola “está a ser un axente desgaleguizador ao tempo que non asegura a adquisición da competencia na nosa lingua ao rematar a escolaridade obrigatoria”. “A nosa lingua está a vivir un dos momentos más delicados da súa milenaria historia”, engadiu.
A deputada do BNG subliñou así que os dereitos lingüísticos aínda non son garantidos plenamente nin na Galiza nin no Estado español, “onde as chamadas linguas cooficiais non conviven en parámetros de igualdade co castelán nin sequera nas administracións públicas”.
É por iso que salientou o avance que supón que na Cámara Baixa os deputados e as deputadas podan exercer o seu dereito a usar galego, catalán ou éuscaro, tal e como ten demandado reiteradamente o Bloque, e “en consonancia co carácter plurilingüe do Estado e cunha realidade lingüística diversa até o de agora invisibilizada na representación do Congreso, até o punto de reprender e retirar a palabra polo seu uso”.