Promoven outro polígono de 150 MW e 25 aeroxeradores entre Bande, Rairiz de Veiga e Verea
A infraestrutura invade a Reserva da Biosfera XURÉS-GERÊS e a Reserva da Biosfera de ALLARIZ.
A promotora, ACS, negocia con comuneiros de Rairiz e Verea sen desvelar as dimensións reais do proxecto.
Os gobernos municipais de Bande e Verea seguen a mesma estratexia que noutros proxectos: agochan información á veciñanza favorecendo os plans empresariais. Ambos gobernos foron denunciados ante Europa por vulneración do dereito á participación pública a través da coordinadora Eólica Así Non.
Enviados que din actuar en nome da empresa ACS (Florentino Pérez) están negociando con comunidades de montes dos concellos de Rairiz de Veiga e Verea desde principios do verán a instalación de polígonos eólicos que se presentan como independentes, mais en realidade forman parte dun só macro-proxecto de polo menos 25 aeroxeradores e 150 MW de potencia instalada, o que obrigaría a súa tramitación a través do Ministerio de Transición Ecológica (MITECO).
En Verea, as comunidades de Sanguñedo, Ourille, Outeiro e Casares só tiñan coñecemento este verán das coordenadas de 7 aeroxeradores, os que afectan aos seus montes, mais non se lles informou (nin pola empresa nin polo Concello) da área afectada pola perimetral nin do enclave da subestación asociada. O Concello de Verea, gobernado polo BNG en coalición co PSOE, facilitou as reunións entre os enviados da empresa e os comuneiros, e o tenente de alcalde participou en varias das reunións actuando como intermediario. O tenente de alcalde acaba de asumir a presidencia da comunidade de montes de Sanguñedo, substituíndo ao anterior presidente, quen se nega a apoiar a instalación dos aeroxeradores.
En Bande, coas comunidades do Monte Grande decididas a favorecer outro proxecto, o de Greenalia no Monte Grande e a alcaldesa (goberno do PP con maioría absoluta) apoiando decididamente os plans empresariais como quedou en evidencia na reunión de principios do verán, non hai información pública sobre as negociacións con ACS.
En Rairiz de Veiga, ACS tratou cando menos coas comunidades de Congostro, onde presentou o primeiro mapa real das dimensións do polígono e un modelo de contrato, e coa de Ordes. En Congostro, segundo comuneiros, a documentación que se levou á asemblea era un documento que empezaba no punto 4. En Ordes, a asemblea do domingo decidiu adiar calquera paso antes de obter máis información a respecto do proxecto. O goberno municipal de Rairiz, baixo a maioría absoluta do PP, tampouco informou á veciñanza de proxecto ningún.
O macro-parque que promove ACS afectaría aos tres concellos, á Reserva da Biosfera Área de Allariz, declarada no 2005 e da que a Unesco subliña que se trata dunha zona con importantes valores culturais e na que se dá un uso sostíbel do territorio, e á Reserva da Biosfera Xurés-Gerês (transfronteiriza), declarada no 2009 e da que a Unesco di que destaca pola variedade dos seus ecosistemas de bosque e turbeira, así como polas especies endémicas que se dan pola influencia conxunta dos climas mediterráneo e oceánico.
Cabe sinalar que grazas a unha iniciativa do Sindicato Labrego Galego, o comité xestor da Reserva da Biosfera Área de Allariz tense pronunciado esta ano a favor dunha moratoria eólica. No caso do comité xestor da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês aínda non se produciu pronunciamento ningún, mais é de esperar que baixo a presidencia española nesta quenda si se produza. E así o solicitou STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA en cada un dos escritos de alegacións durante os trámites dos seguintes proxectos: LAT do Xurés (nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Muíños); P.E. San Martiño (Baltar) -lindeiro coa Reserva do Xurés-Gerês; P.E. Lamas de Feás (Os Blancos, Baltar, Calvos de Randín); P.E. Fonte Santa (Bande, Verea); e LAT de Greenalia (que atravesa, entre outros, os territorios dos concellos de Calvos de Randín e Bande).
O macro-proxecto de ACS para Bande, Rairiz e Verea estaría enclavado moi próximo aos proxectos de Greenalia no Monte Grande entre Bande e Verea (12 aeroxeradores), ao polígono de Iberdrola operativo desde o ano 2009 no Vieiro entre Bande e Verea (19 aeroxeradores) e ao proxecto de Bay Wa no Monte da Neve entre Verea e Celanova (7 aeroxeradores).
É dicir, ficarían 63 aeroxeradores nunha área aproximada dun radio de 8 quilómetros que inclúe ás vilas de Bande e Celanova, atravesada ademais pola LAT que planea Greenalia entre Calvos e Padrenda.
É dicir, quedaría afectada a poboación de catro concellos (que suma en total 9.279 persoas, segundo o último padrón). As decisións que se tomen en cada un dos concellos, en cada unha das comunidades de montes ou por cada un dos propietarios afectados terán consecuencias para o resto de conveciñas e conveciños.
Por estes motivos, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA reclama unha análise sosegada e informada dos responsábeis políticos municipais, autonómicos e estatais, e unha información puntual e precisa á veciñanza, para o que se require dispor medios e tempo, sobre os efectos da instalación dunha infraestrutura destas dimensións nunha zona da que a Unesco destaca a relevancia dos seus valores ecolóxicos e culturais. STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA denuncia a invasión eólica das comarcas de Celanova, A Limia e a Baixa Limia por parte de grandes corporacións enerxéticas co único ánimo do lucro incesante.