CCOO lamenta a actitude da Conferencia de Reitores en relación co estudantado en prácticas
- CCOO lamenta profundamente a declaración da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) en referencia ao Estatuto das persoas en formación práctica na empresa. É bastante inaudito, case vergoñento, que as Universidades españolas, en pleno século XXI, aposten por un modelo de prácticas precario como o que se promove actualmente. Entendemos que xa non hai escusas para acabar co sistema de falsos bolseiros que xera precariedade, explotación e fraude.
O comunicado que fixeron público está cheo de imprecisións, con declaracións sobre medidas que en ningún caso figuran no texto do acordo alcanzado, co único obxectivo de xerar ruído e tentar paralizar unha normativa que mellore a vida de miles de estudantes universitarios e de FP.
O Estatuto das persoas en formación práctica na empresa é un mandato europeo e un compromiso asumido polo Goberno de España e os axentes sociais na reforma laboral de 2021.
Por outra banda, respecto da cotización dos bolseiro —que non está regulada por este Estatuto e que se debate noutra mesa de diálogo social—, é un compromiso que emana do Pacto de Toledo e do comprometido co acordo de reforma da Seguridade Social que supón un custo ridículo para as empresas, un beneficio para as persoas bolseiras e axudará a controlar a fraude.
CCOO coida lamentable que a CRUE se posicione fronte a unha norma que supón un avance substancial no recoñecemento de dereitos, na garantía de que as prácticas sirvan realmente para formar o alumnado, de xeito que non que substitúan postos de traballo ordinarios e evitar que carezan de dereitos tan básicos como a protección da saúde na empresa.