Redacción •  Galicia •  22/11/2023

Manifestación contra un novo golpe lexislativo do PP

  • A declaración dos polígonos eólicos de “interese público superior” vai en contra da preservación ambiental e deixa ao pobo indefenso fronte os abusos do Capital.
  • O PP usa a súa maioría absoluta para  aprobar novas normativas golpistas que intentan sortear as sentenzas xudiciais que paralizan proxectos eólicos.
  • A “lei de beneficios”, o novo instrumento do PP para branquear o espolio do país a mans de empresas amigas.
Manifestación contra un novo golpe lexislativo do PP

Centos de persoas convocadas pola Coordinadora “Eólica Así Non”, da que forma parte Ecoloxistas en Acción, congregáronse esta tarde diante do Parlamento de Galiza para manifestar a súa repulsa contra as últimas propostas lexislativas do Partido Popular, coas que pretende sortear as sentenzas xudiciais do TSXG que están a paralizar proxectos eólicos ilegais, así como entregar definitivamente os recursos naturais do país ás eléctricas e mineiras. Trátase da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024, na que os proxectos eólicos autorizados desde o 30 de decembro de 2022 se declaran de “interese público superior”, así como a Lei de beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento de recursos naturais, impulsadas ambas as dúas polo PP pola vía de urxencia e sen a debida participación pública.

“Interese público superior” cando queren dicir “privado”

A concentración de Eólica Así Non desenvolveuse mentres no interior do Parlamento se debatía a Lei de Acompañamento dos Orzamentos, na cal o PP propón a declaración dos proxectos industriais eólicos de “interese público superior”, coa perversa intención de facer prevalecer a explotación enerxética do vento fronte a outras actividades económicas estratéxicas, a preservación do medio ambiente e o aproveitamento ordenado dos recursos naturais. Ao berro de “as leis do Capital non son de interese xeral”, os colectivos e organizacións que conforman o movemento “Eólica Así Non” acusaron ao Partido Popular de prevaricar ao reincidir na disposición de leis que recortan dereitos sociais e de participación pública e que favorecen a destrución do patrimonio ambiental e cultural, deixando a cidadanía galega totalmente indefensa e á mercede dos intereses especulativos do lobby enerxético.

A presunción de “interese público superior” facilita a tramitacion de renovábeis e considera por defecto os polígonos eólicos compatíbeis co medio ambiente, agás argumento en contra. Esta medida relega á Xunta da súa responsabilidade fiscalizadora nas avaliacións de impacto ambiental dos proxectos enerxéticos e deposita a tutela dos recursos públicos e a “carga da proba” na cidadanía, de forma, que teña que ser o pobo galego o que demostre a incompatibilidade de moitos dos macroeólicos xa autorizados e pendentes de autorización coa preservación da biodiversidade, da auga, dos servizos ecosistémicos, da paisaxe, do patrimonio cultural ou co benestar e saúde das comunidades afectadas.

A lei de beneficios do PP: o branqueo do espolio do país

Ao tempo, atópase en avaliación no Consello Económico e Social o anteproxecto da “Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galiza”, tamén impulsada polo PP e dirixida unicamente a facilitar o camiño das grandes corporacións empresariais cara á explotación dos recursos naturais que son de todas e todos. Tal e como se concibe, esta lei impide á Administración pública exercer un control efectivo sobre o aproveitamento de recursos naturais básicos para a supervivencia do pobo galego  (enerxía, auga, minerais…). Ben ao contrario, reforza o carácter privado da explotación dos recursos comúns e branquea o espolio do país con supostos beneficios xerais. Na práctica, esta lei servirá para que a Xunta do PP poda dotar de financiación pública encuberta os negocios privados das súas empresas amigas, que xa se están a enriquecer coa explotación dos nosos recursos naturais.

Estas novas reformas legais constitúen na práctica o abandono da Xunta da súa función executiva a prol do interese xeral e o seu evidente sometemento ao servizo do capital privado, deixando en mans das grandes especuladoras o presente e futuro do noso país. Porén, desde a Coordinadora Eólica Así Non confían en que a mobilización social, o control do poder público exercido pola cidadanía e a independencia da Xustiza consigan deter os efectos perversos deste ronsel antidemocrático de reformas lexislativas, promovidas por un PP que, a cada paso que dá, deixa máis claro para quen está  a gobernar. Despois dirán que son os tribunais e a cidadanía as que creamos inseguridade xurídica.


energía eólica /