Redacción •  Galicia •  22/12/2022

O PP da Merca aproba os orzamentos máis reducidos do mandato

  • Cos únicos votos a favor do PP aproban un orzamento que se reduce en case un 15% con respecto do ano anterior.

  • O grupo de goberno do PP aposta por subirlle as taxas os seus veciños nun 42% para compensar a perda de subvencións tanto da Xunta como da Deputación.

O PP da Merca aproba os orzamentos máis reducidos do mandato

A Merca, 22 de decembro de 2022.

No pleno do pasado 30 de novembro o grupo de goberno do concello da Merca, en mans do Partido Popular, aprobou en solitario os orzamento para o ano 2023, uns orzamentos que non axudan a aliviar a crise económica que estamos a vivir debida á suba de prezos e das taxas que se aprobaron no anterior pleno, feito que está afogando ás veciñas da Merca.

Estes orzamentos recollen unha suba de ingresos dun 42% por taxas municipais a respecto do ano pasado mentres, por outra banda, reduce os investimentos reais en máis do 40%, sendo a obra estrela a instalación dun espazo para carga de vehículos eléctricos.

A concelleira do BNG, Teresa Garrido, non puido votar a favor dun orzamento no que se incrementan as dietas case un 25%, unha demostración máis dos intereses do Partido Popular que nunca defraudan neste campo.

Os orzamentos da Merca son unha aposta máis de total abandono das políticas sociais, dos servizos públicos e que só axudan ao desmantelamento do tecido asociativo veciñal renegando da promoción do ocio, da cultura e cunha aposta nula polo asentamento de actividade económica e empresarial no noso concello que está a 10 minutos do maior polígono industrial da provincia.

Co goberno municipal do PP, vivir na Merca resulta cada vez máis caro, cos núcleos máis abandonados e cos servizos de carácter social máis deteriorados. Abonda con botarlle unha ollada a súa evolución dende que o actual alcalde se fixo cargo do concello no ano 2019. Daquela entraban nas arcas municipais 63€ de cada 100 dos orzamentos por transferencias e subvencións doutras administracións (Estado, Xunta, Deputación) e cando remata a súa lexislatura só é quen de traer 41 € deses 100 (os que lles corresponde por imperativo legal) ou sexa un 44,2% menos de subvencións.

Para a concelleira do BNG, Teresa Garrido, o señor Alcalde como máximo responsable “non é que perdese gañas ou estea a durmir a sesta, senón que deixou de exercer coma tal”. Pero se por riba, e para paliar esta desfeita pasa de recadar por taxas por prestación un 87% máis a base de afogar a economía das familias, perdeu todo respecto polas súas veciñas e non pode seguir exercendo un ano máis no cargo.


BNG /