Redacción •  Galicia •  23/01/2022

Noa Presas afirma en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear proxectos eólicos

  • A deputada e responsábel de enerxía do BNG, Noa Presas, dixo este sábado en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear os proxectos eólicos máis nocivos no contexto do que cualificou como «novo espolio». Presas participou nunha xornada informativa aberta a veciñanza sobre os plans da empresa alemá Bay Wa de construír unha central eólica na contorna da Casa da Neve, entre Celanova e Verea, que ameaza con graves impactos paisaxísticos, patrimoniais, ambientais e para a saúde das persoas.
Noa Presas afirma en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear proxectos eólicos

Noa Presas explicou que esta «aceleración de proxectos eólicos que vimos sufrindo desde 2019 obedece a dúas razóns: que Galiza é un país cuns enormes recursos eólicos enormes, moi apetecíbeis para as empresas, e que aquí goberna o PP, que favorece os intereses das grandes corporacións, polo que aínda se fai máis apetecíbel».

A deputada fixo un resumo de como a través das leis aprobadas pola maioría do PP no Parlamento se foi abrindo o camiño ese «novo espolio» que pretende triplicar a potencia eólica instalada no país, «sen que haxa planificación ningunha desde a Xunta para termos unha participación pública na xestión e nos beneficios».

Tamén interviu na xornada o portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, que cuantificou a ameaza en 275 proxectos de novos polígonos eólicos en tramitación e advertiu a respecto de dous mantras do discurso empresarial. «Nin os aeroxeradores traen emprego nin contribúen a fixar poboación. Se, como din, trouxesen riqueza, non os porían na Galiza, poríanos en Madrid. E sabedes cantos aeroxeradores hai instalados en Madrid? Ningún».

Desde o BNG Celanova, Dores García Duarte, informou de que o BNG da localidade e a asemblea comarcal se adhiren ás alegacións contra o P.E. Monte da Neve elaboradas pola plataforma veciñal Stop Eólicos Celanova. Así, Ernesta Seoane, responsábel comarcal, e Leopoldo Rodríguez, portavoz municipal, ademais da deputada Noa Presas en nome do BNG, asinaron as alegacións que serán rexistradas este luns no Concello.

García Duarte lembrou que desde xaneiro do ano pasado o BNG vén avisando de que o proxecto de central eólica na contorna da Casa da Neve é unha parte dun plan empresarial de maiores dimensións. Sinalou que o proxecto en tramitación xa desvela que a intención das multinacionais “é crear unha macro-infraestrutura entre os montes de Calvos de Randín, na Limia, e a estación da Frieira no límite con Pontevedra”, e xa se perfila unha liña de alta tensión que dea servizo a dous polígonos en Calvos, o proxectado por Greenalia en Bande, o de Bay Wa entre Celanova e Verea “e os que veñan nesas mesmas áreas de aproveitamento eólico ou noutras próximas, ademais da re-potenciación máis que probábel do polígono do Vieiro, con muíños cada vez máis altos”.

O BNG de Celanova, subliñou Dores García, levará ao pleno deste próximo mércores en Celanova unha proposta para que o Concello de Celanova se pronuncie a favor dunha moratoria eólica. Unha proposta que, como lembrou Bernardo Varela, aceptou o PP na Deputación Provincial. Leopoldo Rodríguez, que en xaneiro do ano pasado sacou á luz pública o proxecto eólico que afectaba Celanova, agochado até ese momento polo goberno local, será o encargado de presentar a iniciativa nacionalista.


BNG /  energía eólica /