Redacción •  Galicia •  23/03/2023

BNG pide ao goberno español e galego que axuden a apagar o incendio do petroleiro Greta K en Porto

Rosana Pérez advirte da proximidade do petroleiro á costa galega e alerta das consecuencias para o sector pesqueiro.

Reclama un seguimento “estrito” da evolución do petroleiro e tomar todas as medidas que impidan a repetición dun novo “Prestige”.

BNG pide ao goberno español e galego que axuden a apagar o incendio do petroleiro Greta K en Porto

23/MAR./23.

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez reclama aos gobernos español e galego poñer á disposición das autoridades portuguesas todos os medios necesarios de salvamento e anticontaminación ante o incendio do petroleiro Greta K, producido  fronte a costa de Porto.

A deputada sinala que as  informacións e imaxes  do buque petroleiro Greta K, situado a unhas 10 millas da costa portuguesa, están a causar “unha grande preocupación en Galiza e, sobre todo , no  sector pesqueiro”.

Dende o incendio do petroleiro,  no día de onte, “vemos con temor o empeoramento das condicións climatolóxicas e os infrutuosos intentos das autoridades portuguesas por apagar as chamas  e poder  atracalo no porto de Leixões”. A  traxectoria do buque nas últimas horas e a súa proximidade ás nosas costas, sitúannos inevitabelmente naquel fatídico novembro de 2002 no que se produciu o afundimento do Prestige , “con   gravísimas consecuencias  para Galiza  que se estenderon tamén a Portugal e a outros puntos das augas atlánticas e cantábricas”.

A nacionalista retería que, ante o risco dun novo sinistro na costa galega pola posible vertedura de combustible,  os gobernos español e galego deben realizar  un seguimento estrito da evolución do incendio do petroleiro Greta K e poñer á disposición  das autoridades portuguesas todos os seus medios de salvamento e anticontaminación para “evitar un desenlace non desexado por ninguén”.

Ademais, a deputada do BNG tamén demanda  toda a  información sobre as medidas adoptadas para impedir un novo sinistro marítimo nas costas galegas.


BNG /