A Acampada por Palestina toma a Casa da Balconada (Santiago de Compostela) para manifestar as súas reivindicacións
Instamos a todas as persoas, estudantes ou traballadoras que compartan a causa, a sumarse ó noso movemento para loitar por Palestina.
A Casa da Balconada, que alberga a xerencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un dos seus máximos órganos, recibiu a visita sorpresa dunha delegación de máis de 40 persoas da Asemblea Aberta Internacionalista do Estudantado e da Clase Traballadora de Compostela que levan xa máis dunha semana acampando na Facultade de Xeografía e Historia.
O motivo da visita foi trasladarlle á xerencia as reivindicacións do estudantado da USC e da clase traballadora de Compostela, expresadas no seu máximo órgano democrático, que é esta asemblea:
Dende hai 76 anos, o pobo palestino sofre ás consecuencias do sionismo. Mentres occidente potencia un falso discurso que xustifica o xenocidio e fagocita toda loita, nós organizámonos, e ante unha universidade que colabora co sionismo, dicimos “Basta. Non no noso nome!” e manifestamos unha serie de reivindicacións urxentes: o recoñecemento do xenocidio, a exixencia do alto o fogo, a defensa dos dereitos do pobo palestino dende o rio até o mar, a fin da colaboración académica total con Israel ata que as universidades israelís deixen de violar eses dereitos, a ruptura das relacións diplomáticas con Israel e o seu desarme, a retirada de premios a personalidades académicas sionistas e a visibilización de símbolos de apoio a Palestina.
Instamos a todas as persoas, estudantes ou traballadoras que compartan a causa, a sumarse ó noso movemento para loitar por Palestina.