Unidas Podemos leva ao Congreso o lamentable estado do encoro de As Conchas
O deputado Juán López de Uralde rexistrou unha pregunta parlamentaria na Cámara estatal na que se expresa a urxente necesidade de saber cal é a orixe do exceso de nutrintes do encoro de as conchas.
Ecoloxistas en Acción e outras organizacións alertan de que esta contaminación provoca, cada certo tempo e desde hai 10 anos, afloracións graves de cianobacterias o que prolonga a contaminación das augas de aproveitamento hidroeléctrico concesión de Naturgy.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, pese a ter competencias sobre as augas do encoro, non aporta ningunha solución nin explica por que desde hai unha década están gravemente contaminadas as augas do encoro que, no seu día, albergaban turismo, economía e uso veciñal. Desde entón, as augas aparecen con toxididade frecuentemente o que as fai perigosas para a saúde das persoas e producen un dano ambiental que a estas alturas e logo dunha década, consideramos irreversible.
Outras administracións, como a Xunta de Galicia, non se involucraron no asunto ata o ano pasado no que organizaron unhas xornadas participadas por axentes implicados na cuestión entre os que estaba a plataforma veciñal Auga Limpa XA, chamadas a Mesa da Limia. Destas xornadas concluiuse que había un grave problema de contaminación na comarca da Limia cuia orixe eran as macroexplotacións gandeiras da comarca, máis de 400 no 2019. Nos últimos 2 anos, ademais, a Xunta de Galicia seguiu autorizando ampliacións a esas instalacións intensivas polo que consideramos empeoraron a problemática.
Na pregunta, realizada polo deputado de Unidas Podemos, ademais de solicitar que se identifique a orixe da contaminación, tamén se lle require ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico que explique que medidas adoptou ou vai adoptar para remediar a grave situación da masa de auga do encoro.