Redacción •  Galicia •  23/06/2024

A CIG-Ensino amosa a súa decepción coa política continuísta trasladada polo conselleiro

  • Suso Bermello: «Lamentamos moito que non haxa ningunha novidade salientábel que vaia na liña do que maioritariamente manifestou o persoal docente con máis de 16.000 sinaturas recollidas»
A CIG-Ensino amosa a súa decepción coa política continuísta trasladada polo conselleiro

Continuísmo e autocomplacencia coa súa política educativa. Este é o resumo que se extrae das palabras do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP na primeira reunión celebrada esta mañá con responsábeis da CIG-Ensino que lle trasladaron o profundo malestar do profesorado ao respecto das súas condicións laborais e do funcionamento do sistema educativo.

“Lamentamos moito que non haxa ningunha novidade salientábel que vaia na liña do que maioritariamente manifestou o persoal docente con máis de 16.000 sinaturas recollidas en apenas 5 semanas de forma presencial, xusto antes das eleccións, apelando a quen saíse das urnas a tomar nota das demandas do profesorado”, explicou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino tras esta xuntanza.

“Desde a CIG-Ensino respectamos a vontade popular pero consideramos que por parte da Consellaría non acontece o mesmo. É máis, esta non só non respecta senón que despreza a maioría sindical saída tamén das urnas en todas as negociacións e o último exemplo é o acordo asinado cunha minoría sindical no que non se inclúe ningunha das reclamacións históricas e que mesmo levaron a que houbera convocatorias de folga conxuntas, e no último ano dúas folgas e unha manifestación nacional por parte de tres sindicatos, para reverter en primeiro lugar os dereitos laborais perdidos desde a chegada de Feijóo á Xunta e, en segundo, para acadar melloras para o profesorado e para o ensino público galego”, apuntou.

Principais demandas da CIG-Ensino para esta lexislatura

Entre as cuestións máis urxentes que precisan ser negociadas, a CIG-Ensino situou a cuestión do horario docente (recuperar as 21 horas lectivas en Primaria e Infantil e as 18 no resto de ensinanzas, neste último caso co agravio de que Galiza sexa a única comunidade que non iniciou sequera esta negociación) e reducir as ratios en todas as etapas educativas “e non só en 4º de infantil esperando que a caída da natalidade xa vaia facendo o resto”, manifestou Bermello durante a reunión.

No documento detallado coas iniciativas que a CIG-Ensino lle presentou á Consellaría destácanse os prazos que se deben seguir para que esta baixada sexa efectiva en tempos asumíbeis “e non os incluídos no acordo coa minoría sindical”, que centrou tamén as críticas do sindicato maioritario “porque nin sequera nos poucos aspectos positivos que contén parece que se vai cumprir”.

Segundo os datos que lle trasladan os centros á CIG-Ensino hai varios aspectos que non se van ter en conta, como o cómputo dobre ou tripla do alumnado con NEAE debidamente xustificadas, a inclusión dentro da ratio máxima por aula do alumnado repetidor, cando menos en Secundaria, a non autorización de desdobres ou o incumprimento das ratios nas aulas mixtas.

Os responsábeis da Consellaría ante estas denuncias limitáronse a esgrimir que “o acordo se cumprirá de forma proporcional e progresiva”, dando por bo que efectivamente algunha das medidas contidas no mesmo non se implantarán cando menos no próximo curso, o que representa claramente un desprezo para todo o persoal docente.

Impulsar o galego no ensino

Outros dos temas tratados e que a CIG-Ensino xa avanzou que situará como eixos da súa acción sindical no que resta de lexislatura son os relativos á necesidade de impulsar o galego no ensino, para que este deixe de ser un dos elementos máis desgaleguizadores da nosa sociedade. Neste aspecto tampouco houbo punto de encontro cos responsábeis de Educación.

Xunto a isto, a importancia de identificar as prazas estruturais e non estruturais de cara a deseñar as ofertas de emprego e o concurso de traslados, a incorporación dunha cláusula de estabilidade para o persoal interino de longa duración e a recuperación do dereito a cobrar o verán do persoal substituto con máis de 5 meses e medio de traballo efectivo nun curso.

Así mesmo, a implementación de medidas efectivas de atención á diversidade acompañada da dotación de persoal e recursos necesarios, a negociación da reforma da Formación Profesional de forma que se free a privatización destas ensinanzas e se reforce a impartición dos módulos profesionais nos centros educativos en contra das directrices que pretende implantar a Consellaría de incrementar o tempo de permanencia do alumnado na empresa ao máximo legal permitido, o desenvolvemento da lei de ensinanzas artísticas e a elaboración dunha lei do sistema universitario galego que inclúa melloras para o persoal destes dous ámbitos.

Cuestións pendentes tamén son a negociación real de novos permisos e licenzas para o profesorado do ensino público, xunto coa aprobación e aplicación do Plan de igualdade, e de medidas reais que permitan a súa desburocratización.

A Consellaría elude responsabilidades

Pola súa banda, a Consellaría limitouse a defender que a súa política educativa “está a dar bos resultados”, sen recoñecer o papel que ten o profesorado no mantemento da calidade do ensino expresamente e avanzaron que non pretenden implantar grandes cambios na mesma. De forma contraditoria indicaron que ven “algunha marxe de mellora” á vez que anunciaron “que vai haber que falar sobre a viabilidade de manter unha planta educativa de 1600 centros educativos”.

En definitiva, na liña política que vén desenvolvemento o PP á fronte da Xunta descargaron no Goberno central todas as responsabilidades, eludindo que as competencias en materia de persoal docente son exclusivas da Consellaría de Educación e que hai moitas posibilidades de mellorar a xestión dos recursos humanos e económicos dos que dispón este departamento pero deixando claro que a súa prioridade non é incluír a curto prazo ningunha mellora substancial nas condicións de traballo docentes.


educación /