Redacción •  Galicia •  23/07/2023

Persoal e usuarias/os mobilízanse en Monforte contra o desmantelamento progresivo do hospital

  • A protesta foi convocada pola CIG-Saúde e á mesma sumáronse tamén UGT,USAE e CSIF.
Persoal e usuarias/os mobilízanse en Monforte contra o desmantelamento progresivo do hospital

Ao berro de «o noso hospital non é unha sucursal» persoal da sanidade e usuarias/os concentráronse este xoves diante do Hospital de Monforte para demandar unha atención de calidade e rexeitar a política de desmantelamento do sistema público aplicada pola Xunta do PP, que no seu día xa supuxo suprimir Monforte como área sanitaria propia.

A protesta foi convocada pola CIG-Saúde e á mesma sumáronse tamén UGT,USAE e CSIF, para rexeitar a perda progresiva de especialista e servizos que sofre o hospital. Neste contexto, a central nacionalista promovera a pasada semana unha asemblea de traballadores e traballadoras na que se apostou tamén por ir á unha gran mobilización en setembro, así como recoller o máximo apoio social a estas reivindicacións.

Ante a gravidade «do que está a pasar, sobre todo para a cidadanía», que cada día ten máis problemas para recibir unha atención sanitaria próxima e de calidade, tanto o Consello municipal de saúde como os partidos políticos amosaron o seu respaldo á concentración deste xoves.

A CIG leva meses denunciando a grave perda de especialistas en todas as unidades. Faltan as dúas hematólogas -repartíndose o seu traballo entre diversos profesionais-; non hai especialista de dixestivo -faise cargo destas consultas medicina interna-, nin tampouco de rehabilitación. Neste caso, apunta, «o único que hai son uns protocolos feitos polo persoal de rehabilitación de Lugo en consenso co de fisioterapia, pero descoñecemos quen fai o seguimento dos/as doentes, nin se funciona o tratamento ou quen lle dá a alta».

Isto provoca que se estean derivando moitos/as doentes á privada, concretamente ao Polusa, sen ter en conta os trastornos que estes desprazamentos a Lugo lle provocan ás persoas doentes. E por non fora abondo, «seguimos sen ter especialista en neuroloxía propio (veñen do HULA), ao igual que o cardiólogo e dúas pediatras».

Este déficit de profesionais acaba repercutindo tamén sobre o persoal administrativo, que está totalmente desbordado «xa que teñen que reprogramar todas as citas suspendidas da maior parte destes servizos».


sanidad /