O persoal de Urbaser de Vilalba en folga indefinida pola negociación dun convenio digno
As traballadoras e traballadores cobran hoxe 300€ menos ao ano que en 2011 e exixen recuperar o poder adquisitivo.
O cadro de persoal de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba acordou en asemblea, por unanimidade, convocar folga indefinida en demanda de que se negocie o novo convenio colectivo. O actual está caducado desde o ano 2020 e supuxo unha perda de salario real de 300€ ao ano. Por iso demandan recuperar o poder adquisitivo.
Segundo explica o representante de CIG-Servizos, Xosé Paz, levan intentando negociar o convenio desde o mes de abril, sen que se conseguira avanzar nada. “Xa temos unhas cantas reunións, nas que a empresa veu, literalmente, a marearnos, a intentar ternos entretidos e distraídos con outras cousas, pero sen negociar o convenio”.
Por iso acordaron finalmente ir á folga. Por iso e porque as traballadoras e traballadores deste empresa están ingresando agora, nas súas nóminas, menos que en 2011. Como apunta Paz, tomando como exemplo o salario dun peón condutor, “a día de hoxe na súa nómina está cobrando 300€ menos ao ano que daquela, e non se trata dun cálculo de perda de poder adquisitivo por suba do IPC, é cantidade en efectivo”.
De feito calcula que se a eses 300 € que cobran menos desde 2011 se lle suma o IPC, que estivo desbocado estes últimos anos, realmente o cadro de persoal, hoxe en día, acumula unha perda de poder adquisitivo do 26-27%.
Xuntanza coa empresa
Este martes esta prevista unha nova xuntanza de negociación do convenio da que agardan que URBASER veña con ánimo de negociar, “de avanzar algo” porque até este sábado, día 19 de agosto, non recibiran ningunha proposta da empresa. “Mandaron unha proposta de negociación. Unha folla en A4 por un lado, na que nin sequera está cuberta a metade e que é rocambolesca porque non recolle absolutamente nada, para seguirnos mareando”, explica Xosé Paz. “A parte económica xa nin a tocaba e no resto, no relativo a libranzas e demais unhas pinceladas. Unha proposta que até lle pareceu mal aos traballadores”.
Entenden que se URBASER se decidiu a presentar algo foi polo inminente inicio da folga indefinida e, de feito, explican, “na propia comunicación din que se reunían con nós este martes, sempre e cando desconvocásemos a folga”. Requirimento que, por outra bvanda, non aceptaron.
Responsabilidade do concello e servizos mínimos abusivos
O inicio da folga, que comezou este luns día 21, fixérono coincidir cunha concentración diante do concello de Vilalba, ao que responsabilizan considerando que “é responsable das empresas que ten externalizadas e de que estas cumpran co seu persoal”. Con todo, Paz recoñece que se ofreceu a mediar no conflito pero “realmente non vemos que estea presionando á empresa para que negocie de boa fe e con ganas”.
Ademais denuncian os servizos mínimos abusivos decretados por publicar un decreto que “practicamente vulnera o dereito dos traballadores a ir a folga porque en case todos os servizos dependentes da limpeza viaria puxo o 67% de servizos mínimos e en servizos extraordinarios, como as feiras ou as festas que veñen son do 100%, até o punto de que se dá o paradoxo de que, por exemplo, esta fin de semana vai a haber máis xente de servizos mínimos que se non houbera folga”, explica Paz.
Por iso instan ao concello de Vilalba a que sexa razoable e deixe aos traballadores e traballadoras loitar polos seus dereitos e adiantan que, dependendo do que pase na xuntanza de negociación desta tarde valorarán as seguintes mobilizacións, que seguirán sendo moi probablemente diante do concello, e máis medidas de presión.