Redacción •  Galicia •  23/09/2023

BNG preocúpase polo posíbel ERE de Pescanova que afectará ao centro de Chapela, en Redondela

  • Néstor Rego: “É necesario que o Goberno do Estado adopte as medidas e contactos necesarios para impedir a perda de postos de traballo e asegurar a continuidade da actividade empresarial e industrial da factoría”.
BNG preocúpase polo posíbel ERE de Pescanova que afectará ao centro de Chapela, en Redondela

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa após coñecer o anunciado por Nova Pescanova a súa intención de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) afectando principalmente ao o centro situado en Chapela. A organización nacionalista demanda ao Goberno do Estado adoptar as medidas e contactos necesarios para impedir a perda de postos de traballo e asegurar a continuidade da actividade empresarial e industrial da factoría.

Nova Pescanova, herdeira da crebada Pescanova e propiedade de ABANCA, comunicou a semana pasada ao comité de empresa a súa intención de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría os servizos centrais situados nos centros de traballo de Chapela (Vigo) e Madrid. O ERE, que se xustifica por causas económicas e organizativas “afectará a case un centenar de persoas, pero a empresa non concretou a cifra nin as condicións de saída que ofrece ao persoal”.

“No BNG estamos preocupados desde que a empresa decidira comunicar o ERE posto que moito nos tememos que, de non paralo, será o punto inicial da perda de postos de traballo co único obxectivo de reducir custos, sanear contas e mellorar a súa posición para unha posterior venda” alerta o deputado nacionalista.

Neste sentido, Rego solicita por parte do Goberno do Estado unha valoración sobre o ERE anunciado e quer coñecer se mesmo mantivo algún contacto coa dirección da empresa para “asegurar o mantemento da actividade empresarial, evitar despedimentos e garantir o futuro da factoría especialmente no caso das plantas situadas na Galiza, como a de Chapela”.

Pescanova, continúa Rego, é unha empresa vinculada a Redondela e á historia de Chapela, concretamente á zona costeira da parroquia. “Nos anos 60 xerou centos de postos de traballo en Redondela e os concellos veciños” destaca. Por todo iso, sinala que este ERE “afectará fundamentalmente o centro situado en Chapela e terá un forte impacto na economía da comarca”.

Por último, Néstor Rego sinala a necesidade de recuperar a autorización por parte da autoridade laboral para os ERE, permitindo así unha maior interlocución administrativa que evitaría despedimentos e o fechamento de empresas.


ERE /