O Ministerio de Sanidade segue sen incluír avances reais na negociación do novo estatuto marco do persoal público
A CIG-Saúde denuncia que o departamento estatal non aborda cuestións básicas que poderían supoñer melloras nas condicións de traballo.
A federación de Saúde da CIG denunciou hoxe, tras a xuntanza de negociación do Estatuto Marco (EM) do persoal da sanidade pública mantida onte, que o Ministerio de Sanidade segue sen incluír avances reais na negociación das normativa que regulará as condicións laborais do persoal da sanidade pública. Dende a central fan fincapé en que o departamento estatal non está a abordar cuestións básicas que poderían supoñer melloras nas condicións de traballo.
A CIG-Saúde insiste ademais nas súas críticas ás formas das propias negociacións e esixe transparencia. “Todas as cuestións a tratar deben de trasladarse a debate nas reunións do ámbito e non adquirir pactos ou negociacións particulares con determinados axentes sociais ou sindicais”, sosteñen.
Sobre o documento presentado, lamentan que non cumpra coas pretensións que a central defende dende que se iniciou a negociación e sinalan algúns aspectos concretos que ao seu xuízo se deberan modificar.
Clasificación profesional
Presentan unha “nova” clasificación profesional baseada nas cualificacións das distintas categorías, pero non actualizan a retribución que lle correspondería de acordo a estas titulacións. É dicir, trátase dun recoñecemento só sobre o papel.
Xornada
Seguen sen delimitar unha xornada máxima, permitindo xornadas semanais moi por enriba das 40 horas, ou que un/unha profesional poida estar localizado/a para ir traballar todo o mes, sen descanso.
Sistema retributivo
Ademais de non adecuar o nivel salarial dos/as profesionais sanitarios/as ao resto de persoal da administración pública, continúan negándose a introducir todos os conceptos do salario mensual na paga extra.
Xubilación
O Ministerio, en complicidade con CCOO e UGT, continúa negándose a incluír no Estatuto Marco a regulación que posibilite ao persoal da sanidade a unha xubilación parcial e/ou anticipada. Só inclúe que se fará un estudio de viabilidade, con que finalidade? Que busca con isto o Ministerio? Atrasar ou limitar o acceso?
Funcións
Parece incríbel que se neguen a incluír no documento no que se plasman as condicións de traballo do persoal da sanidade pública as funcións propias de cada categoría, sabendo que hai categorías nas que a día de hoxe as súas funcións datan de 1973. O avance da sanidade ao longo destes anos fixo que as distintas categorías realicen funcións que van moito mas alá do que teñen recollido. O Ministerio con isto deixa novamente as/os profesionais na indefensión.
Réxime de incompatibilidades
A CIG-Saúde celebra que se inclúa no EM a obriga de que os postos directivos e xefaturas leven consigo a dedicación exclusiva á sanidade pública, pero mantemos a necesidade de que se premie a dedicación exclusiva a todos/as profesionais da sanidade pública, para o que incluímos entre as nosas propostas a creación do novo complemento de dedicación exclusiva.
Investigación
Defendemos que o persoal estatutario dos ámbitos da investigación teña no EM un título único ou capítulo, para reforzar a necesidade de crear as diferentes categorías de persoal estatutario no ámbito da investigación, e dar por fin un paso no avance desta. A investigación ten que dar o salto á sanidade pública e deixar de ser un sistema híbrido público-privado con intereses máis enfocados nas industrias farmacéuticas que no propio avance da investigación ao servizo da saúde das persoas.
Finalmente, dende a CIG-Saúde censuran que o Ministerio establecese un calendario inicial de negociación nos meses de febreiro, marzo e abril no que pretende dar por finalizado o documento. E adiantan que seguirán a defender estas cuestións básicas na negociación, xa que non recollelas supón continuar cun EM que non está á altura do noso sistema sanitario.