BNG reclama ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a información sobre os contratos asinados con Eulen
- Luís Bará acusa a Rueda de intentar protexer a Feijóo e se pregunta por que rexeita a auditoría se non hai nada irregular nas contratacións feitas.
- Exixe “luz e taquígrafos” sobre os 12 contratos por máis de 10,4 millóns de euros asinados con Mape Asesores, a empresa vinculada a Alberto González.
O BNG pedirá no Parlamento unha comisión de investigación se o PP non acepta que se realice unha auditoría sobre os contratos feitos pola Xunta durante a pandemia da COVID-19 e sobre os que existen sospeitas. Así o adiantou este venres o deputado electo do BNG e viceportavoz na anterior lexislatura, Luís Bará, que acusou a Alfonso Rueda, de intentar protexer a Núñez Feijóo ao negarse a poñer “luz e taquígrafos” sobre a xestión de contratos asinados cando era presidente da Xunta. «Rueda ten que asumir as súas responsabilidades e unha delas é dar información, actuar coa máxima transparencia e non para protexer ao señor Feijóo», afirmou.
“Hai moitas sombras, dúbidas e escurantismo na actuación da Xunta”, denunciou Bará, para preguntarse a continuación por que Alfonso Rueda non acepta a auditoría que solicita o Bloque “se non hai nada ilegal ou irregular” nos contratos asinados. “Algo cheira a podre na Xunta en relación aos contratos da COVID”, asegurou o deputado electo, para quen “cada vez son máis evidentes as irregularidades, os chanchullos e os pelotazos asociados á contratación arredor da pandemia”.
Bará criticou a “indecencia” das persoas que fixeron “negocios multimillonarios e que cobraron comisións abusivas” nunha situación de extrema emerxencia, aproveitándose da crise sanitaria e da alarma social para enriquecerse. “Neste capitalismo de amiguetes hai moitos koldos en todas as administracións”, censurou tras lamentar os casos que están saíndo á luz pública e que afectan tanto a administracións gobernadas polo PP como polo PSOE.
No ámbito da Xunta, referiuse á algúns “casos especialmente alarmantes” sobre os que o BNG insiste en pedir a auditoría. Entre estes, referiuse aos “pelotazos” de Sibucu 360, empresa sen relación co sector sanitario vinculada con Moonoff e o empresario José Ramón García, de Blusens, coa que a Xunta contratou o subministro de máscaras. Sibucu, con tan só catro traballadores, incrementou a súa facturación de 765.000 euros no 2019 a 31 millóns en 2020.
Ademais dos datos de negocio, Bará reclamou explicacións sobre a “venta fraudulenta” que este grupo empresarial fixo de máscaras FFP2 modelo KN95, afectadas por unha alerta do Instituto Galego de Consumo (IGC) por estar certificadas por un organismo italiano non autorizado, co conseguinte risco para a saúde das persoas. Aínda non se aclarou, denunciou tamén, por que o expediente aberto polo IGC rematou cunha “raquítica multa” a Sibucu.
Conexións co entorno de Isabel Ayuso
O BNG reclama así mesmo ao Goberno do PP que dea toda a información sobre os contratos asinados con Mape Asesores, empresa coa que mediou Alberto González, compañeiro da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que está sendo investigado por presunta fraude fiscal.
Segundo explicou Bará, González “supostamente” actuou de intermediario entre FSC Select Products e Mape Asesores entre maio e agosto de 2020, ingresando neste tempo case dous millóns de euros. A Xunta asinou con Mape Asesores doce contratos por máis de 10,4 millóns de euros entre abril e xullo de 2020. “O que os preguntamos no BNG é se as galegas e os galegos pagamos parte das comisións coas que o señor González mercou os pisos dos que tanto se está a falar”, apuntou.
Do mesmo xeito, Bará incidiu na necesidade de investigar as conexións da familia Ayuso en relación a outras contratacións da Xunta, como a feita con Sismédica S.L. por valor de 298.000 euros e sobre a que o Bloque xa pediu unha auditoría, rexeitada polo PP, en abril de 2022. O deputado nacionalista advertiu da opacidade deste contrato, que non aparece “en ningún portal da Xunta”.
Os contratos dos ‘rastreadores’
Os deputados e as deputadas do BNG reclaman ademais información detallada sobre os contratos para atención telefónica asinados entre os anos 2020 e 2021 pola Xunta coa empresa Universal Suport, do Grupo Conecta, encargada tamén da contratación dos “famosos rastreadores” da COVID e obxecto de denuncias por prácticas laborais “non acordes cos dereitos dos traballadores e das traballadoras”, lembrou Bará.
A Xunta e Universal Suport asinaron en total 19 contratos por valor de 15,2 millons de euros, segundo se conclúe “despois de investigar e buscar información en centos de documentos e contratos de difícil acceso porque hai unha intención clara de obstaculizar o acceso á información”.
Finalmente, Bará demandou tamén ao PP explicacións sobre as informacións publicadas nos medios de comunicación en relación á empresa da que é socio Francisco Antonio Otero Illodo, marido da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. “Chama a atención que esta empresa pasase de ter un contrato no 2019 a ter 38 -todos menores, é dicir, a dedo- no ano 2020, coincidindo xustamente coa incorporación do señor Otero Illodo como socio, co 50 % da propiedade da empresa”, denunciou.