BDS GZ Vigo: «En relación coa convocatoria de manifestación cidadá por Palestina do día 24 de abril»
Lonxe de pretender manter unha posición maximalista, entendemos que “parar un xenocidio” non consiste en procesionar en silencio á beira de quen non fai o que está na súa man para efectivamente paralo, para que non se moleste […]
En relación coa convocatoria de manifestación cidadá por Palestina do día 24 de abril, desde BDS GZ Vigo queremos transmitir o seguinte:
Asistimos abraiadas á convocatoria dunha manifestación supostamente cidadá e unitaria, que na práctica se materializou como un acordo cupular “mediante testaferros” de organizacións políticas asentadas e que en seis meses de xenocidio non foron capaces de convocar masivamente á súa militancia para acudir a ningunha das decenas de mobilizacións, concentracións ou accións convocadas polas diversas asociacións por Palestina activas na cidade. Curiosa forma de forxar a unidade, facendo un chamamento a acatar un manifesto pechado e sen posibilidade de emendas ou achegas; cunha data prefixada, sen posibilidade de modificala, malia existir convocatorias con poucos días de diferenza; cun curioso formato de manifestación silenciosa e sen posibilidade de debatelo. Máis parece pretender enarborar unha falsa bandeira de unidade antes de forxala con quen podería sacarnos as cores.
Atopámonos cun manifesto “de mínimos”, inasumible a estas alturas da operación de Israel contra o pobo de Palestina, no que non se fala da fin da ocupación, ou da esixencia de cumprimento de todas as sentenzas da ONU, nin se sinala a complicidade necesaria dos gobernos occidentais neste xenocidio. Aínda que se tenta xustificar en dar cabida a máis xente, a sinalización inequívoca dos culpables e cómplices do xenocidio só podería molestar a quen se sinta interpelado, por ser parte activa: os mesmos que agora ven branqueada a súa acción de goberno nun manifesto feito á súa medida, co que poden mostrar unha cara amable e humanitaria, sen implicar a súa acción real.
Pero non só o manifesto busca ese efecto. Do mesmo xeito, imponse unha manifestación silenciosa na que non se consenten lemas propios ou consignas. Unha unidade no silencio, que impida, novamente, sinalar aos culpables e a quen, coa súa colaboración política, comercial e económica fai posible que Israel estea masacrando ao pobo palestino.
Lonxe de pretender manter unha posición maximalista, entendemos que “parar un xenocidio” non consiste en procesionar en silencio á beira de quen non fai o que está na súa man para efectivamente paralo, para que non se moleste. Damos a benvida á boa intención da maioría das organizacións que participan nesta mobilización, querendo mostrar a súa solidariedade co pobo palestino, chamámoslles a que reflexionen sobre o feito de que ningunha das organizacións de solidariedade con Palestina estea presente e animámolos a acompañalas nas futuras accións que organicen. Sen dúbida, participar nunha manifestación feita a medida dos partidos membros dun Goberno que, en seis meses de xenocidio, non recoñeceu o Estado Palestino, non rompeu relacións co Ente Sionista de Israel, nin tan sequera parou o comercio das armas que a diario asasinan crianzas en Gaza é, para BDS GZ Vigo, un exercicio de hipocrisía de todo inasumible.