Redacción •  Galicia •  24/09/2021

STOP EÓLICOS reclama a Bande que informe sobre os riscos dunha central eólica no Monte Grande

  • A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA solicitará unha entrevista coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP), para achegar información sobre os perigos que suporía a instalación dunha central eólica no Monte Grande e demandar da responsábel municipal que desenvolva unha campaña de información à veciñanza sobre os riscos do proxecto.
  • Nos próximos días a plataforma solicitará formalmente unha reunión coa alcaldesa de Bande, que xa mantivo un encontro coa empresa promotora, Greenalia, de cuxo consello de administración fai parte a ex concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, tamén do PP.
STOP EÓLICOS reclama a Bande que informe sobre os riscos dunha central eólica no Monte Grande

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA considera que o Concello de Bande e, en concreto, o seu goberno, dispón de información relevante sobre as características, tramitación e consecuencias que traería para a vila e as aldeas da contorna a instalación dunha central eólica de 12 aeroxeradores, ademais dunha subestación, o cableado, as pistas e a liña de evacuación de alta tensión. A plataforma pensa que é obriga de Sandra Quintas e dos seus concelleiros defender os intereses de toda a veciñanza, afectada pola posíbel instalación dunha infraestrutura que está recibindo forte contestación en todo o país, e solicitará do goberno local que desenvolva unha campaña de información para que as veciñas e veciños coñezan cales son os riscos dun polígono eólico, tanto para o medio natural e o patrimonio conservado no Monte Grande, como para a saúde, a calidade das augas e as economías familiares de Bande.

Segundo os detalles que STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA coñece do proxecto de Greenalia –empresa que está a lanzar ducias de plans de explotación eólica en toda Galiza– as máquinas estarían a menos de 2 quilómetros das aldeas de Martiñán, Vilar e Carpazás, e tanto os aeroxeradores como a subestación colocaríanse na área do nacemento e os cursos do Regato da Pontecela e da Corga dos Regueiros, afluíntes do Cadós; e do Regueiro de Espil, da bacía do Limia.

O proxecto tería uns impactos directos sobre o Foxo do Lobo das Cobateiras e os conxuntos de mámoas e petroglifos no actual Parque arqueolóxico do Monte Grande, un recurso patrimonial e turístico que quedaría invalidado. E afectaría os hábitats singulares da turbeira da Lagoa Grande e da Carballeira da Fontesanta e outros bidueirais de rexeneración natural, considerados prioritarios na normativa medioambiental. A central estaría nas portas do Parque Natural do Xurés e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, impedindo futuras ampliacións da área de protección, e desvalorizando a importancia destes espazos protexidos. Opoñémonos a unha industria que non trae emprego nin deixa beneficios e expulsa poboación, porque non precisa xente, a xente estórballe.


Celanova /  medio ambiente /