Redacción •  Galicia •  24/09/2022

O PP agocha información da Xunta ao BNG

  • Daniel Castro: “preguntámonos para quen goberna o PP e que intereses defende se precisa ocultar información de xeito constante e sistemático”.
  • O BNG ten realizadas 571 solicitudes de información polo artigo 9 do Regulamento parlamentario das que o 75% está sen responder.
  • Os contratos con Eulen, os realizados con empresas da sanidade privada ou os expedientes sancionadores ás eléctricas, entre os temas opacos.
O PP agocha información da Xunta ao BNG

O deputado nacionalista Daniel Castro denunciou en rolda de prensa a “ocultación sistemática” de información do Goberno do PP ao Parlamento galego como evidencia o feito que, das 571 solicitudes de información e documentación realizadas polo BNG dende o inicio da lexislatura a través do Artigo 9 do Regulamento parlamentario, o 75% está sen responder.

Castro indicou que destas 571 peticións, 343 foron realizadas hai máis dun ano e 43 retrotráense a 2020, pese a que, segundo subliñou, “o Goberno galego ten a obriga de responder no prazo de 30 días hábiles”. “Pero non tivo a ben facelo nin en 30 días, nin 30 días, nin en 90, nin en 180, nin en 365, nin en 750 días nalgún dos casos”, recriminou.

Así pois, e logo de advertir que cando o Executivo oculta información ao Parlamento “está ocultando información á cidadanía e mostrando un total desprezo pola principal institución democrática do País”, preguntouse “para quen goberna o PP e que intereses defende se precisa ocultar información de xeito constante e sistemático”, un comportamento que cualificou de “opaco, obstrucionista e antidemocrático”.

O deputado nacionalista incidiu en que a documentación que oculta a Xunta afecta a asuntos de “moita importancia”, como a sanidade, as residencias de maiores, a concesión de acusas e subvencións, os expedientes sancionadores abertos a grandes empresas por delitos ambientais ou a relativa a “empresas vinculadas a altos cargos do PP, con relacións familiares nalgúns casos, que contratan coa Xunta”.

Neste sentido, exemplificou con algúns asuntos concretos nas que o Goberno do PP segue sen facilitar a información solicitada polo Bloque, como é o caso dos contratos adxudicados a Eulen desde 2009, “tendo en conta -incidiu- o incremento de facturación pública da empresa na que traballa casualmente a curmá de Núñez Feixóo, presidente da Xunta durante 13 anos”.

A isto sumou a documentación das subvencións, préstamos e avais concedidos ao estaleiro de Barreras, logo do “fiasco de PEMEX”; a das listas de espera na atención hospitalaria ou a dos datos das persoas falecidas por COVID nas distintas residencias de maiores. “O Goberno do PP oculta tamén os convenios e os contratos do Sergas con empresas da sanidade privada; os expedientes sancionadores a empresas que teñen concesións hidroeléctricas; o expediente sancionador a Endesa por verteduras ao río Eume; a relación de parques eólicos construídos nos ámbitos de aplicación de Rede Natura; o expediente de declaración BIC do Pazo de Meirás ou o censo de vivenda baleira do noso País”, enumerou.

Fronte a ausencia de resposta ao 75% das 571 solicitudes presentadas polo BNG, Castro contrapuxo o uso realizado polo grupo parlamentario do PP no que vai de lexislatura: catro peticións de documentación ao goberno. “E neste caso, a Xunta respondeu ao 100%; as catro están respondidas”, incidiu.

Neste contexto, o deputado nacionalista avanzou que o BNG pedirá explicacións á Xunta “sobre este despropósito democrático” no próximo pleno parlamentario e advertiu que o Bloque “non descarta ningunha acción se a resposta non é suficientemente explicativa e satisfactoria”. “Porque se o señor Rueda non responde sobre as infraccións de grandes empresas eléctricas, sobre os datos da nosa sanidade pública e as nosas residencias ou sobre as grandes empresas relacionadas directamente co PP, queda ben claro para quen goberna o PP e para quen non goberna, que é para os galegos e as galegas”, concluíu.


sanidad /