Redacción •  Galicia •  24/10/2024

Esquerda Unida denuncia que os orzamentos da Xunta priman os intereses do Partido Popular sobre as necesidades sociais

  • Esquerda Unida entende que os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2025 continúan primando a redución de impostos ás rendas máis altas e o pago de débeda fronte ás necesidades sociais existentes.
Esquerda Unida denuncia que os orzamentos da Xunta priman os intereses do Partido Popular sobre as necesidades sociais

No vindeiro exercicio de 2025 a Xunta de Galicia propón un incremento dun 16% do orzamento adicado a pagar débeda pública, débeda que ascende xa a máis de 1.763 millóns de euros. Para Esquerda Unida resulta alarmante que o Goberno da Xunta teña rexeitado unha posible quita da débeda que a Comunidade mantén co Goberno Central cando nestes momentos propón un alza no orzamento adicado ao pago da mesma. En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida: “ É incomprensible que o mesmo Partido Popular que afirma non estar interesado nunha quita da débeda pública teña agora que incrementar o orzamento para pagala. Uns recursos que serían moi necesarios en vivenda e servizos esenciais coma a sanidade.”

Por outra parte, Esquerda Unida pon o aceno na perda de recursos que supón que a Xunta de Galicia continúe mantendo recortes fiscais para rendas altas, como os descontos nos impostos de Patrimonio, Sucesións e Doazóns. Esas rebaixas fiscais supoñen que Galicia deixe de ingresar 455 millóns de euros neste 2025. “A realidade é que se existe un incremento da recadación é pola vía dos impostos do Estado. Non é coherente que a Xunta continúe baixando impostos aos patrimonios e rendas altas, cando esixe máis e mellor financiamento do Goberno Central”, sinala Solla.

Esquerda Unida apunta que, mentres a Xunta deixa de ingresar 455 millóns e incrementa o pago da débeda pública, partidas adicadas a necesidades e servizos sociais son insuficientes e acumulan baixadas continuadas se temos en conta a inflación. Emprego ou vivenda son elementos chave para abordar as taxas de pobreza de galegas e galegos, que non obstante acumulan recortes orzamentarios de máis dun 20% e 26% respectivamente desde a chegada do Partido Popular ao poder.

Esquerda Unida entende que tanto en materia de emprego, coma de vivenda, así coma de servizos sociais e sanidade, os orzamentos son absolutamente insuficientes para facer fronte á fenda de pobreza e ao incremento da dependencia no noso país, obedecendo ao ideario do Partido Popular en troques de ofrecer solucións ás necesidades sociais galegas.


presupuestos /